luns, 8 de xuño de 2015

A pretensión exhibicionista

Foto: Karen Arnold


Igual xa vos teño falado deste tipo outras veces. Paso por diante del a diario e aí sigue, verán ou inverno, primavera ou outono, coma un náufrago na rúa, case sempre farrapento aínda que non mal mantido en aparencia, calzado se lle cadra ter o día apracible, descalzo se vén de chimpar lonxe (ás veces ós coches que rúan pola avenida coa présa lucense estándar), coa carraxe, as deportivas tampouco máis limpas cós pés. Non sei moito del. Comentáronme na zona que non é ben da cabeza, algo bastante obvio, e aparte un marxinado: non o aceptan nin os paios, nin tampouco os da súa propia raza; seica moitos xitanos teñen por tabú a enfermidade mental, ou iso cre quen mo dixo. O típico é ver a súa man estendida diante miña e a súa faciana engurrada nun sorriso infantil a agromar entre unha barba de chapapote, mesta e tupida coma unha xungla vista desde o ceo. A miña resposta invariable é que non me sobra nada: a verdade. El semella conceder divertido, coma dicindo “Tiña que intentalo”, e afástase coma se nada, coa man apuntando xa a unha ama de casa que o tratará coma a un meniño de poucos anos. Non hai xeito de saber o que pensa. Non descartaría eu que algo de cinismo haxa nese sorriso, e o desexo mental dunha maldición sobre a miña estirpe por tras. Eu fago o que podo: respondo á súa petición. Nunca torzo o aceno, nin cruzo á outra banda cos beizos xuntos, nin o axoto coma a un animal. Tal vez lle valla de ben pouco, mais fágolle saber que o considero, sequera, digno dunha atención digna. Malia que sexa dunha negativa. Non percibo que a miña actitude sexa moi común. É contraditorio que, nunha época na que tanto se manifesta a posición de apertura ó diálogo, se dialogue máis ben pouco na práctica. E non cómpre ir a Parlamento ningún para comprobalo. Semella xeneralizada a pretensión exhibicionista: moitos usan de atril (ou de televisor de plasma) unha mesa de bar. Non se expón unha idea: dáse un discurso. Réplicas só se admiten se son concordantes ou laudatorias. Se pretenden afondar na teoría, rematan por facer iso, afondar, pero coma as pedras no río. O orador, nun silencio impaciente, virarase no asento cara outra parte da concorrencia e recuncará no dito, coma se, ben unha evidencia que o curioso fora tan parvo de non ver, ben un misterio de raíces encerelladas, lle conferira unha razón irrefutable. Aínda que o máis probable é que desista simplemente de razoar por un concepto fundamentalista da brevidade da vida humana, que non afecta a outras perdas de tempo máis populares, iso si. Só engadirei que o silencio teimudo adoita producir en quen inquire resposta un sentimento de frustración que xa tivo confsecuencias indesexadas a niveis social, político ou económico. Así que, podendo, coido que o mellor é apearse do atril e dicir algo, aínda que sexa “non”. Mais, con certo esforzo, tamén pode ser un si.

Ningún comentario:

Publicar un comentario