Foto: Petr Kratochvil |
Puiden botar estes
días un ollo a algunhas fotografías roubadas dos sistemas de almacenamento "na nube" vencellados ós smartphones
de varias mulleres famosas. Non as fun buscar, que non fixo falta,
supoñendo que me interesaran: as máis delas xorden por tódolos
lados coma as formigas aladas nos días de bochorno. Logo de
examinalas, pregunteime a santo de que tanto escándalo. De non ser
polo feito (moi grave) de que a súa publicación supoñería a violación
da intimidade das retratadas, atoparía frívolo que noticia tan
insulsa restara oco nos medios de masas á guerra de e entre tolos en
Gaza, á falcatruada da proposta de manipulación da lei electoral ou
ó enredo andorrano dese preboste catalanista ó que algúns semellan
considerar cunha indulxencia inexplicable.
Porque nesas fotos non vin
nada de particular. Nada en absoluto. Son dunha inocuidade risible.
Unha moza pousando de pé en roupa interior, ou sen ningunha, ou coas
nádegas contra un cristal mentres fuma un cigarro, non vexo en que
forma poida poñer en risco a seguridade internacional. A única foto
un pouco distinta do resto, por ingresar xa no terreo pornográfico,
foi a que representaría a certa modelo a gatas nunha cama, núa
de cu ó obxectivo, separando unha cacha coa man para amosar o
carreiro rasurado. A modelo, coma outras supostas vítimas do roubo, negou a autenticidade da foto. Pero supoñamos que non fora así. Que fora algo feito por unha muller para goce propio ou alleo, en todo caso privado. Digo eu: e que? Hai que entender que é caso
para a psiquiatría? Ou para un exorcista? Está a facer algo en
verdade impropio dun ser humano convencional?
O abraiante e
patético deste asunto, e no que me dá que non se ten reparado, é o
seguinte: Diríase que a sorpresa coa que moita xente terá acollido
esta descuberta revela o estraño concepto do sexo feminino que terán
entalado nas súas mentalidades propias de quinceaneiros coma os
fundadores da páxina web que acolleu a filtración. Semellan ter a
convicción de que unha muller é por defecto un ser asexual,
ignorante por completo do erotismo, incapaz de tanto de sentir desexo
coma de se sentir desexable. Unha especie de alieníxena ou de Virxe
María. Deste xeito, claro, no momento no que a devandita modelo
rebenta ese molde sen pudor ningún coa súa rachadela rotunda, é
cualificada de cadela
quente.
Para tanto cool
guiado pola modernidade do inquisidor, aquilo do que con tanta chanza
coma curiosidade (cando non naturalidade de connaiseur) se fala en conversas insustanciais pasa a ser, a
nada que a distancia se acurta e se materializa en imaxe, xa non digo
en acto, unha foto cocha. No tocante ó sexual,
réxense polo lema de Homer Simpson: é mellor ver cousas ca facer
cousas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario