Hai maneiras e maneiras de dicir algo. En literatura,
polo menos na actual, non é frecuente que cada frase vaia impregnada dunha
sensación intensa. Moitas veces non é necesario; segundo a natureza do escrito,
podería mesmo ser contraproducente, coma un pau nas rodas dunha lectura en
condicións. Non é o caso d'A velocidade do frío, novela de Manuel Seixas
aparecida alá por 1996.
Nela, cada frase debe levar aparellada unha
sensación, e tal é o que sucede. A sensación é máis ou menos agresiva, coma ó
olfacto o era o alcol que antes se empregaba para desinfectar feridas. Porque
feridas hainas aquí a eito. Feridas que mal poden curar. Hai dous
protagonistas, dous trastornados, cada un polas rúas razóns. Teñen en común
unha muller morta, se ben por causas distintas. Un procura a xustiza, o outro a
morte. Particular é, por certo, a súa relación. Pode apreciarse no momento no
que os seus camiños se cruzan nunha noite de bebedela e malos recordos que,
segundo o pactado entre ámbolos dous, rematará cun deles asasinando ó outro de
xeito que pareza un accidente.
É unha novela que non deixa indiferente, algo que en 2014
resulta escaso. Páxinas e páxinas de frases curtas non exentas de humor,
encadeadas coma os disparos dunha ametralladora de groso calibre, en parágrafos
reiterativos cando teñen que selo, que é cando supoñen unha transcrición da
demencia.
A velocidade do frío gañou daquela un
premio gordo de novela. Hoxe sería impensable que atopara sequera editor. Por
exemplo, a imaxe que se ofrece dun dos protagonistas, maltratador doméstico,
dista moito da aceptada no tempo presente; non aparece coma unha criatura
grotesca e diabólica, calculadora e desapiadada, senón coma unha persoa
torturada pola culpa e por un problema permanente no xénero humano: a
impotencia de de non ter feito no seu momento o que debera, que evitaría para o
caso a traxedia. Só por iso xa non pasaría o corte.
Outro cravo na tapa do cadaleito da novela se a quixera
publicar agora sería a súa influencia musical. Que Manuel Seixas é músico
coñécese decontado, abonda cunha lectura superficial. Tanto é así, que anos
despois fixo algo moi lóxico e hoxe igualmente inaudito: converteu a novela en
disco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario