xoves, 4 de setembro de 2014

Fotos cochas

Foto: Petr Kratochvil

Puiden botar estes días un ollo a algunhas fotografías roubadas dos sistemas de almacenamento "na nube" vencellados ós smartphones de varias mulleres famosas. Non as fun buscar, que non fixo falta, supoñendo que me interesaran: as máis delas xorden por tódolos lados coma as formigas aladas nos días de bochorno. Logo de examinalas, pregunteime a santo de que tanto escándalo. De non ser polo feito (moi grave) de que a súa publicación supoñería a violación da intimidade das retratadas, atoparía frívolo que noticia tan insulsa restara oco nos medios de masas á guerra de e entre tolos en Gaza, á falcatruada da proposta de manipulación da lei electoral ou ó enredo andorrano dese preboste catalanista ó que algúns semellan considerar cunha indulxencia inexplicable.
Porque nesas fotos non vin nada de particular. Nada en absoluto. Son dunha inocuidade risible. Unha moza pousando de pé en roupa interior, ou sen ningunha, ou coas nádegas contra un cristal mentres fuma un cigarro, non vexo en que forma poida poñer en risco a seguridade internacional. A única foto un pouco distinta do resto, por ingresar xa no terreo pornográfico, foi a que representaría a certa modelo a gatas nunha cama, núa de cu ó obxectivo, separando unha cacha coa man para amosar o carreiro rasurado. A modelo, coma outras supostas vítimas do roubo, negou a autenticidade da foto. Pero supoñamos que non fora así. Que fora algo feito por unha muller para goce propio ou alleo, en todo caso privado. Digo eu: e que? Hai que entender que é caso para a psiquiatría? Ou para un exorcista? Está a facer algo en verdade impropio dun ser humano convencional?
O abraiante e patético deste asunto, e no que me dá que non se ten reparado, é o seguinte: Diríase que a sorpresa coa que moita xente terá acollido esta descuberta revela o estraño concepto do sexo feminino que terán entalado nas súas mentalidades propias de quinceaneiros coma os fundadores da páxina web que acolleu a filtración. Semellan ter a convicción de que unha muller é por defecto un ser asexual, ignorante por completo do erotismo, incapaz de tanto de sentir desexo coma de se sentir desexable. Unha especie de alieníxena ou de Virxe María. Deste xeito, claro, no momento no que a devandita modelo rebenta ese molde sen pudor ningún coa súa rachadela rotunda, é cualificada de cadela quente.
Para tanto cool guiado pola modernidade do inquisidor, aquilo do que con tanta chanza coma curiosidade (cando non naturalidade de connaiseur) se fala en conversas insustanciais pasa a ser, a nada que a distancia se acurta e se materializa en imaxe, xa non digo en acto, unha foto cocha. No tocante ó sexual, réxense polo lema de Homer Simpson: é mellor ver cousas ca facer cousas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario