luns, 3 de febreiro de 2014

Alaska/Polinesia

Foto: Axel Kuhlmann


No tempo dos extremos, para unha parte crecente da humanidade só semellan existir dous destinos posibles: Alaska ou a Polinesia.
En Alaska están os que coidan que hai que votar sempre; na Polinesia, os que coidan que non hai que votar nunca.
En Alaska, os que conducen fóra da cidade para abandonar electrodomésticos nos prados e escoitan impasibles que nos ríos os mosquitos xa mutan para se adaptaren á contaminación; na Polinesia, os que viven ou desexarían vivir en choupanas sen televisión nin internet no Cebreiro ou no Caurel (ás que acceden en todoterreo, iso si) e observan con certo desdén cariñoso a quen non cultiva as súas propias patacas.
En Alaska, mulleres mundanas que conservan un concepto do varón como deus, e que adoitan rematar por afacerse a un neno grande capaz de pagar os prazos dunha hipoteca e dun monovolume; na Polinesia, celebridades de revista estilo Concha Velasco que conceden entrevistas nas que falan dos homes coma dunha rama dos primates lixeiramente evolucionada, coma seres case enteiramente prescindibles, en todo caso.
En Alaska, os que proclaman con fervor que todo estranxeiro non millonario con papeis ou sen eles é un exemplo de heroicidade e traballo que debera facer que a todo europeo que ignore o que é viaxar nun caiuco lle caera a cara de vergonza; na Polinesia, os que entenden que todo estranxeiro non millonario con papeis ou sen eles veu rebentar caixeiros automáticos.
Etcétera.
Existe, non obstante, un territorio intermedio entre Alaska e a Polinesia. Está moi pouco poboado. Os seus habitantes son xente discreta e silenciosa. Nin desde Alaska nin desde a Polinesia lles consultan case nunca nada, porque saben que non obterán a resposta desexada. Porque en Alaska e na Polinesia só comprenden dúas respostas: si ou non, comigo ou contra min. E neste terreo intermedio, nas poucas ocasións en que lles fan algunha pregunta, a xente di: Depende. E de seguido explican por que depende. Algo inútil, por outra parte. Para cando comeza a explicación, nin os de Alaska nin os da Polinesia están xa escoitando. Cun aceno de impaciencia, xa deron media volta e marcharon por onde viñeran.

Ningún comentario:

Publicar un comentario