Foto: Axel Kuhlmann |
No tempo dos extremos,
para unha parte crecente da humanidade só semellan existir dous destinos
posibles: Alaska ou a Polinesia.
En Alaska están os que
coidan que hai que votar sempre; na Polinesia, os que coidan que non
hai que votar nunca.
En Alaska, os que
conducen fóra da cidade para abandonar electrodomésticos nos prados
e escoitan impasibles que nos ríos os mosquitos xa mutan para se
adaptaren á contaminación; na Polinesia, os que viven ou desexarían
vivir en choupanas sen televisión nin internet no Cebreiro ou no
Caurel (ás que acceden en todoterreo, iso si) e observan con certo
desdén cariñoso a quen non cultiva as súas propias patacas.
En Alaska, mulleres
mundanas que conservan un concepto do varón como deus, e que adoitan
rematar por afacerse a un neno grande capaz de pagar os prazos dunha
hipoteca e dun monovolume; na Polinesia, celebridades de revista
estilo Concha Velasco que conceden entrevistas nas que falan dos
homes coma dunha rama dos primates lixeiramente evolucionada, coma
seres case enteiramente prescindibles, en todo caso.
En Alaska, os que
proclaman con fervor que todo estranxeiro non millonario con papeis
ou sen eles é un exemplo de heroicidade e traballo que debera facer
que a todo europeo que ignore o que é viaxar nun caiuco lle caera a
cara de vergonza; na Polinesia, os que entenden que todo estranxeiro
non millonario con papeis ou sen eles veu rebentar caixeiros
automáticos.
Etcétera.
Existe, non
obstante, un territorio intermedio entre Alaska e a Polinesia. Está
moi pouco poboado. Os seus habitantes son xente discreta e
silenciosa. Nin desde Alaska nin desde a Polinesia lles consultan
case nunca nada, porque saben que non obterán a resposta desexada.
Porque en Alaska e na Polinesia só comprenden dúas respostas: si ou
non, comigo ou contra min. E neste terreo intermedio, nas poucas
ocasións en que lles fan algunha pregunta, a xente di: Depende. E de
seguido explican por que depende. Algo inútil, por outra parte. Para
cando comeza a explicación, nin os de Alaska nin os da Polinesia
están xa escoitando. Cun aceno de impaciencia, xa deron media volta
e marcharon por onde viñeran.
Ningún comentario:
Publicar un comentario