Foto: Ian L |
Hai pouco,
a conto dunha manifestación de mulleres en Madrid contra a Ley do
Aborto, Jorge Martínez Reverte escribía na contracapa de El País
un artigo eloxioso cara as manifestantes. O particular do asunto é
que do panexírico pasou decontado á humillación colectiva. Indicativa
desta estraña actitude é unha frase na que vén dicir que os homes
(xenérico) deben facerse a un lado e aplaudirlles desde as marxes a
esas mulleres garridas que marchan polo medio da calzada dispostas a
facer tremer a todo un goberno. A priori, léndoo na súa
literalidade, non é máis ca unha arroutada inocente; non obstante,
afirmando tal cousa, semella querer situar ós homes nunha posición
subordinada, secundaria. Talmente de marxe: marxinal.
Non é a
primeira vez que vexo tal cousa. É algo relativamente frecuente en
homes máis ou menos cultos e mediáticos cando desexan caer en
gracia ó que eles deben entender polo común do sexo feminino.
Lembro a un xornalista que entrevistaba nun programa de radio a unha
deportista ou árbitro, non estou certo, e tanto se inflamou o ánimo
do fulano no seu desexo de afagar á "minoría", que rematou por mencionarlle á entrevistada o caso dunha
colega dela que, segundo el, "mataba" (literal) ós seus
colegas varóns; repetiu varias veces, teimudo, enfático, mesmo unha
miga asañado, o de "matar". Imaxino que o xornalista
quería dicir que o facía ela moi ben en comparación con eles. Que
o verbo empregado só sería unha maneira de falar.
Digo que é
unha actitude estraña por excesiva. Quen a adopta parece coidar que
un sexo non é verdadeiramente libre, feliz ou como queira dicirse se
non se da o rebaixamento do outro. Para min, tal idea é unha enorme
imbecilidade. Non vexo como habían estar mellor, como habían facer
máis forza, ca estando un á par do outro, sen ninguén en segundo
plano. E acho que uns e outras adoitan mellorar coa mestura (malia que en certos colexios concertados non se
decaten). Pero tal vez sexa cousa miña, que son da opinión de que
nin os homes son de Marte nin as mulleres de Venus, non: todos son da
Terra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario