xoves, 31 de outubro de 2013

O voyeur

Foto: Ron MZR
Nunca comprendín por que en certas cancións se fala de ingresar na noite coma se fora algo triste. A noite é o meu entorno natural. Non podería existir de día. Non, polo menos, desde que cambiei.
Antes era un ser humano coma tantos outros, preocupado por pagar as miñas facturas, por que a miña muller non fora deixarme ou por se un condutor non daba freado a tempo mentres eu cruzaba un paso de cebra. Daquela, eu estaba plenamente exposto á adversidade. Era fráxil.
Desde que aconteceu o accidente, alá na fundición, a miña vida deu unha viraxe decisiva no seu rumbo, pois non hai viraxe máis decisiva ca coller un camiño a ningures. Enterraron o meu cadáver desfeito. O que ficou foi a sombra. Ninguén se decatou. Non, non son fantasma, nin personaxe de conto fantástico decimonónico. Son un novo eu, que non chegou a ver ceo nin inferno. Que ficou aquí para observalo todo e a todos. Non podo revelar como, mais sei que a miña misión e avaliar o comportamento de cada ser humano no meu radio de acción e decidir o seu destino cando chegue a súa hora. Son o máis semellante a Deus que eses crentes terán xamais preto: tamén os xulgo e tampouco os escoito.
A cor esaxeradamente escura da miña aparencia impídeme facerme visible de día, a non ser en lugares solitarios, onde nada hai que ver. Así que a miña diversión comeza ó solpor. Na era tecnolóxica dos ollos de vidro das cámaras de seguridade, os deste atento observador da actividade humana son obra de artesanía inmemorial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario