xoves, 10 de outubro de 2013

O prognóstico

Foto: Karen Arnold
Hai tempo, eu coidaba ser o que se chama unha boa persoa. Alguén que, malia a barreira da introversión e da querenza por intereses pouco populares, unicamente desexaba, no fondo, ser coma os demais, estar cos demais, comportarse coma os demais, vivir e morrer canda os demais; nunca só.
Pero non. Coido que saín de pelica brava. Polo menos, recoñezo que ás veces me gusta resultar sinistro. Asustar á xente que me rodea con certo ton sombrío; con fatalismo exacerbado; con humor negrísimo. Cando topo con coñecidos e me preguntan que como estou, respóndolles que un pouco máis preto da ruína. Se me preguntan que tal me foi, respóndolles que sigo sendo o mesmo inútil de toda a vida.
Non adoitan gustar de tales respostas. Disimúlano intentando mudar de tema. Coidan que se trata de autocompaixón. É comprensible. Non sei como serían neste aspecto outras épocas, mais a actual abunda, tal vez por mor do desamparo e como reacción contra o desalento, en ilusión doada. É o tempo perfecto para trasladar esa tradición tan ianqui dos predicadores a estes lares. Non hai garantía de nada, e crese, sinxelamente, na primeira luz que nos din que existe, malia que non se demostre tal existencia. Crese porque hai que crer.
Despois de todo, penso que o que intento, ó resultar “desagradable” desa maneira, é facer ver que os deuses, entendendo deus como ser todopoderoso e inmortal, se nalgún sitio están, non é aquí abaixo. Que somos o que somos, e que debemos ser conscientes disto, como primeiro paso se queremos intentar quitar medio corpo da beira do precipicio.
Mais, como os tempos son os que son e non outros, e precisamente por ser un de caste humana e non divina, e non poder obrar, xa que logo, o que é practicamente imposible, cúmprese unha vez e outra o prognóstico do meu fracaso. Grande é o Club da Fe Desesperada, pequenos os meus poderes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario