mércores, 28 de setembro de 2016

Como dicir fillo de puta sen dicilo (e se a alguén lle importa)


Foto: George Hodan

Entre outras cousas, este é o tempo no que todo o mundo opina de todo e inza o mundo (sobre todo o dixital) de indignados porque a súa opinión non semella importar a ninguén como de pulgas inza o pitbull dun deses aspirantes marihuaneiros a tipos duros coa cara chea de metal. A pulsión por opinar non, pero si comprendo esa indignación. Non é segredo que o natural é opinar para tratar de influenciar a quen escoita. Quitado isto último, todo quedaría nun pasatempo absurdo. Para iso, mellor cazar pokemons. Outra cousa é que teñamos en demasiada estima o poder do noso xuízo.
Aquí houbo eleccións este domingo e o ambiente é o esperado. Hai euforia de autoengano (non sei se finxida) nos gañadores e furia por sentimento de derrota a mans dos elementos nos vencidos. Entres estes temos a Xavier Alcalá ou Carolina Bescansa, que entenden que os vellos non deben votar (deixeina botando no punto de penalti para o chiste sobre Castelao), e máis Miguel Anxo Fernán-Vello, que chama ignorante ó pobo galego, á parte que non votou polo seu partido, imaxino. Os dous primeiros apenas se fixeron acredores de pedradas esporádicas. A Fernán-Vello non o propuxeron para lapidación física porque de momento só temos a do ciberespacio. E resulta que os tres viñeron dicir o mesmo. A diferencia: que o terceiro debera saber que hai unhas normas sociais. Podes insinuar que alguén é un fillo de puta, dalo a entender moi falangheiro, poñer a circular un “meme” sobre o particular, de xeito que mesmo unha criatura de chupete entenda que chamas fillo de puta a ese alguén, pero NUNCA empregar a expresión “fillo de puta”. Caca, neno.
Analistas varios chámanlles a atención como se lle chama a un amigo que sabes que se cega se bebe e xa leva catro whiskys: a maneira de que o esquirol se sume á folga non é cuspirlle ese insulto, esquirol. Nótase aí un certo ton de alarma: atribúen a esa arroutada un grande impacto na masa. Aí penso que se trabucan. Dubido que os votantes contrarios que se deran por aludidos ó oír iso de “pobo galego” foran máis de tres. Dubido que a un octoxenario de Ferreira do Valadouro lle importe un carallo o que se diga no Twitter. Nunca é doada a comunicación entre dous mundos. E aquí o illamento é algo ben factible, en moitos sentidos, e non só por diferencia xeracional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario