xoves, 11 de agosto de 2016

A copiña do prestixio


Foto: Lode Van de Velde

Xa o dixen algunha vez, penso, mais debo recuncar porque a tendencia permanece: sorpréndeme que a actitude canalla continúe a ser símbolo de frescura entre xente de letras. É máis doado, en igualdade de méritos literarios, que un xornalista ou escritor acaden a loa entusiasmada (o adxectivo é importante) de lectores e (tampouco é xa raro) críticos se o seu universo está poboado de bares escuros vistos a través dunha pantalla de aire tremelicante por razón de corenta graos. Se as súas reflexións enxeñosas e confusas saben a ferruxe coma o acordar logo dunha turca do 15. Teño a sensación de que a súa actitude se considera, dalgún xeito e acaso inconscientemente, revolucionaria. Ía dicir contestataria, pero non sei se o termo se emprega aínda na súa acepción orixinal. É coma “fascista”, abreviado “facha”, que pasou a aplicarse na actualidade tanto a autores de asasinatos en masa coma a opositores á opinión de quen pronuncia tal palabra con indignación.
Dubido, tamén, que se poida considerar revolucionario cebar con insistencia as economías de produtores de alcol e empresarios do lecer nocturno máis probables aliados, aparte do dano para a propia dignidade, pero deixémolo estar.
Sorpréndeme, digo, esta vixencia nun mundo que despreza o que é anterior a Pulp Fiction, porque a figura deste tipo de perdedores é tan antiga coma o lume, como pouco. Todas as costuras do traxe deberan estar xa moi vistas. O mecanismo moi coñecido. É de loar que, por unha vez, algo pasado de moda sexa referencia.
O máis destacable do asunto é para min unha omisión fundamental. O heroe de hoxe, que é un antiheroe, é un contedor andante de nicotina e licor; ás veces acéptase que consuma drogas carentes do estatus de "esnob". Teñen estas persoas, polo visto, o prestixio da resistencia. Mais é curioso que non se repare noutros resistentes: os que fan o mesmo camiño sen estes confortos temporais. Encarar cada día sen whisky nin cigarro supón un esforzo que merece sequera a mención no fondo da entrada dun blog. Polo demais, todo é subxectivo, e a miña subxectividade non é necesariamente a doutros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario