martes, 14 de xuño de 2016

O mecanismo da cimitarra


Foto: Linnaea Mallette

Jorge De Vivero editou hai nada un poemario, nunha modesta tiraxe de 100 exemplares, sen selo editorial. Afirma que non o pon no mercado porque, ó tratarse de poemas sobre temas tan sombríos coma a morte ou a desilusión vital, non está disposto a compartir semellante sufrimento coa xente en xeral. Non llo desexa a ninguén.
Engade que, ultimamente, percibe moita felicidade ó seu redor, e iso dálle envexa, pola súa incapacidade para alcanzala. Conxectura que o segredo da felicidade reside da capacidade para a inconsciencia.
Coincido na súa percepción de felicidade multitudiaria, e na súa estrañeza perante tal cousa. Sobre a súa teoría, se ben non a vexo mal encamiñada, dubido que sexa tan sinxela. Sospeito que as características actuais da persoa feliz tipo poden moi ben non ser as que cabería pensar. Por unha banda, sigue existindo unha lexión de sedados neuronais que botan a vida falangueiros incansables coma o cantante de orquestra verbeneira máis convincente por gozar da habilidade da cegueira intelectual: o que non vexo, non me afecta. O seu prestixio social é elevado: mellor que nos fagan rir ca que nos amosen a verdade. Mais tamén percibo unha nova caste de humano feliz: o que, definíndose coma tal, teima en afondar en temas máis ben deprimentes. Hai unha moda recente, por exemplo, que consiste en pretender facer pasar os enigmas físicos/matemáticos por material eficaz para a ficción de aventura e entretemento. É un absurdo. Eu, polo menos, non vexo comparación entre un heroe brandindo unha cimitarra e outro unha calculadora científica. Non é boutade testosterónica: a aventura, coma o horror, é desde sempre algo que chama polo lado máis primitivo. A era 2.0 e subindo mal pode cambiar algo así.
Mais esa semella ser, máis ou menos acentuada, a tendencia: o tedioso e incómodo é hoxe o estimulante e épico, e viceversa. Mexarían por Emilio Salgari e por Edgar Rice Burroughs, se viviran. Desconcerta un tanto, pois un sempre coidara que a felicidade no ser humano prefire o esencial. O mecanismo da cimitarra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario