mércores, 25 de maio de 2016

Os cabalos de Verhoeven


Souben que Paul Verhoeven seguía vivo cando reapareceu hai pouco nun festival de cinema. No seu filme, unha muller é violada con estraña frecuencia na súa propia casa por un encarapuchado, sen que ela pareza facer nada por evitalo unha vez acontecido. É todo moi Verhoeven: as baixas paixóns. Neste sentido, opina o director que o ser humano en nada difire dun cabalo. Discrepo: os cabalos non dirixen filmes, aínda que algún ben puido ter escrito a premiada nalgúns certames de novela que eu sei. Non dei evitado a tentación de dicilo; segundo Oscar Wilde, a mellor maneira de facelo é caendo nela.
A idea de Verhoeven, sen ser de todo atinada, achégase moito á realidade. Hai moito tempo que aquí as eleccións se gañan ante todo por medo, a emoción máis instintiva, e polo tanto máis próxima ó estado animal, que poida haber. Cando non, os dirixentes gobernamentais, coma calquera líder ou persoa de confianza en xeral, escóllense ante todo por simpatía ou sensación de seguridade (adoitan ir unidas), que combate o medo. Maniféstase admiración por quen, procurando buscar a xustiza, indica co dedo a calquera sen lle importar de quen se trate. Mais, cando esa acción allea á servidume lle trae represalias, é abandonado á súa sorte e del coméntase, acaso con certa tenrura, que foi estratexicamente torpe. Como moito, imprímense algunhas camisolas coa súa cara estampada na dianteira, unha vez morto. Por iso, probablemente, sexan tan poucos os aspirantes a heroe hoxe. Os animais fan o mesmo. Neles non é nada frecuente a solidariedade ou caridade: cando un membro da manda está ferido ou enfermo e frea o ritmo de avance desta, déixaselle atrás para que o depredador o devore mentres o resto foxe. O seu sacrificio en favor do colectivo tampouco será homenaxeado, claro.
O anterior non leva intención de crítica social; non é, polo menos, o motivo principal. Penso no asombroso do feito de que a meirande parte da humanidade non aparente ser consciente do moito que lle imita a un cabalo. Moitos votantes e abstinentes ergueranse o vindeiro 26 de xuño coidándose seres maiormente racionais. En serio. Teño curiosidade por ver como sería todo se un día comprenderan de vez a verdade, e o que tal implica. Non coido trabucarme se digo que daba para un filme posapocalíptico estimable. Podería dirixilo Paul Verhoeven.

Ningún comentario:

Publicar un comentario