martes, 15 de marzo de 2016

Formas de cruzar un paso de peóns


Foto: Jay Mantri

O outro día crucei un paso de peóns do xeito no que adoito facelo: mirando sempre na dirección da que proceden os coches. É algo moi aconsellable en cidades claramente vendidas ó tránsito rodado, coma Lugo, por moito que se pretenda disimular con zonas peonís máis ornamentais ca outra cousa. Moitos condutores, perante esta rendición, semellan perder a percepción imprescindible do vehículo coma potencial máquina de matar. O pé déixase ir sobre o pedal do acelerador igual que un paseante sen présa xustificada remata camiñando lixeiro: sen unha razón, pois rara vez a hai para bulir, nin no coche de gasolina nin no de San Fernando, nun lugar no que apenas hai que facer. Mais velaí a diferencia: o que no camiñante é só arruinar un tranquilo paseo, no condutor é o instinto que xera dano grave ou morte. Á mañá seguinte sae a noticia en El Progreso, coa habitual nota de sorpresa pola elevada cifra de atropelos por habitante deste recuncho. E despois do martes virá o mércores.
Dicía que cruzaba eu o paso, e facíao bastante afastado cara o lado esquerdo (delación do inconsciente, tal vez), pendente da velocidade coa que se aproximaban os logos automobilísticos á miña anatomía. Ó acadar a media altura, mirei á fronte e case dei de fociños con outro peón. Esquecera a inercia lucense, que é escoller a opción máis molesta posible para o outro e en ocasións mesmo tamén para un. Aquí, á vista dunha persoa distraída pola banda esquerda, e malia dispoñer das tres cuartas partes do espazo, consiste en interpoñerse no seu camiño. O fulano olloume ó pasar cun 55% de estrañeza e un 45% de crítica, coma se fora eu o que teimara en tirar polo camiño torto. E desde o seu punto de vista, o maioritario, así era.
Historias coma esta poden axudar a comprender como un país pode levar meses sen goberno estable logo dunhas eleccións sen impugnación de resultado, e tamén que, contra o que supoñen unha mestura de pedantería seudointelectual ensombrecedora do xuízo e valores neoliberais de emprendemento, ás veces a vía máis sinxela é a mellor para todos. Pero SÓ ás veces. Sexo e arte aparte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario