luns, 5 de outubro de 2015

A moda da pedrada


Foto: Steve Buissinne

A cada punto se vai acrecentando a sensación de que se leva a inconsciencia como volven levarse os pantalóns rachados nos xeonllos entre as adolescentes. Hai veces que vou pola rúa e, a cada persoa coa que me cruzo, imaxínoa gustosa de recibir, perante calquera problema ou responsabilidade, unha pedrada na chola que a deixara fóra de combate durante o tempo que o inconveniente tardara en se resolver por mediación divina ou de terceiros. Cústame evitar pensar tal nun lugar (cidade, comunidade, país) no que unha simple festividade se converte nun fenómeno de multitudes e semella inspirar unha felicidade catártica, diríase a rentes do histerismo. Non en van é moi común, por exemplo, que certos médicos invoquen, como pretexto para a súa escasa ou nula comunicación co paciente, o dereito deste a non saber. Estes médicos son os típicos representantes do colectivo a nivel autonómico ou nacional, que dan a cara para os medios cun sorriso de dentífrico e aconsellan pedir cita antes de que doia; o que atende no centro de saúde é invariablemente máis pedestre: reprocha que non doia máis, tal vez, cala polo demais, receita medicamentos e expulsa da consulta con amigable desidia.
Dígoo a conto da lea que se armou ó saberse que a Volkswagen manipulou os sistemas de varios modelos para ocultar ata a metade das súas emisións reais de dióxido de carbono á xa moi maltreita atmosfera. Dígoo por isto como podería dicilo polos triunfos electorais de partidos políticos cunha podremia de tránsito ilegal de diñeiro e agasallos indebidos de dominio público. En ámbolos dous casos, trátase de enganos ben puerís. No primeiro, un condutor que de verdade crera que un bicho de varios centos de cabalos e carrozaría XXL queimaría o mesmo combustible ca un utilitario coma unha caixa de zapatos tería que ser ben inocente, o mesmo có votante que obviara as evidencias de mortos nos armarios do seu partido. Ou ben, e coido que vai máis por aí, voluntariamente cego.
Porque si. Fáiseme difícil imaxinar unha sociedade hedonista onde a saída laboral estándar é a escolla emigración ou oposicións, pero tal parece. Sexa por preguiza ou por sensación de demasiada distancia respecto ó que debera ser próximo, a reacción é a capitulación. Coma na canción aquela de Blur, dáse por boa calquera cousa con tal de chegar á casa, café e televisión. E pedrada. Se, ó acordar, o mal está onde o deixaron, sempre queda a opción digna de botar pestes cun estupor moi ben logrado, coma se se acabara de chegar e se atopara a casa revolta sen razón aparente. Que sexa a casa propia e se finxa non ter visto entrar ós ladróns, xa vai nos impostos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario