luns, 28 de setembro de 2015

(In)dependencias


Foto: John Kovacich

Estamos na terraza da cervexería As Landras, que adoitaba ser centro de reunión de deportistas lucenses. Cando o Prone participaba na Copa de fútbol sala, nos tempos do ladrillo, algúns xogadores de fóra sentaban por alí a apostar cantos días seguidos duraba en Lugo o bo tempo: non máis de tres, coido que apuntaba Javier Orol. (Coma se me lera o pensamento, vexo entrar un futbolista do C. D. Lugo ó local.) Nunha pantalla, o Dépor está a meterlle 3-0 ó Espanyol. Os meus dous amigos, sentados a unha desas mesas metálicas horrendas, están a falar de oposicións. Volven suxerirme que prepare unhas: un deles, de seguro que sen malicia ninguna, aventura que daría un bo funcionario de prisións. Saio do apuro repetindo o contido dunha hipotética cinta gravada no caletre, rutineiro e sincero, acerca de incompatibilidades e inutilidades a partes iguais.
O da suxestión pouco afortunada, que non chega ós trinta anos, anda a estudar nunha academia. Igual facía o outro, ata que atopou un choio de moitas horas e tivo que abandonar os temarios a risco de que lle rebentara o pote. Pois un soldo máis ou menos suficiente non o libra de ter que botar contas arreo e ir case sempre co tempo demasiado xusto.
O primeiro, a propósito da situación do segundo, remata reparando no engano do sistema, como se dicía antes. Estráñase de que a vida adulta sexa unha máquina de crear necesidades e preocupacións, sen pausa, cando ó imberbe sen dirección definida por desafiuzar da casa dos pais se lle promete que o esforzo maior, a risco de sacrificar moita vida e praceres, que supón traballar para acadar un emprego estable lle traerá a satisfacción completa das primeiras e a desaparición das segundas.
Nun xiro repentino, o meu amigo pasa falar das eleccións catalás. Ás veces ten saídas así, nas que se amosa vivamente interesado en asuntos sobre os que un xamais lle oíra pronunciar palabra; non estou seguro de que sexa consciente do certo desconcerto que provoca. Tampouco llo pregunto, mais ocórreseme que o seu inconsciente ben puido establecer unha conexión entre ámbolos dous temas, ou ben que el mesmo sexa claramente consciente da similitude moi obvia entre eles. Tanto nun caso coma no outro, dáse un discurso irreal que reduce o funcionamento da existencia, unha vez feito o Sacrificio, a unha especie de episodio infindo de debuxos animados, e un público que lle da creto cunha inxenuidade inimaxinable na ficción máis improbable. Explicación non a teño clara. Se cadra, é que o famento chegou a tal punto que confunde unha rocha cun molete de centeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario