luns, 26 de outubro de 2015

Sinceridade de altofalante


Foto: Linnaea Mallette

Xesús González Gómez é unha excepción ben agradecida na crítica literaria galega. É home que, cando di algo, da a impresión de que ese algo é xusto o que quería dicir. Contáronme dun adestrador que, nas roldas de prensa, poñía o seu equipo polas nubes; en cambio, preguntáballe sobre o asunto un amigo tomando unha cervexa e el abaneaba a cabeza e murmuraba, con desalento: “Non hai calidade”. González Gómez é un adestrador que todo o pía diante dun micrófono, e cun altofalante se for preciso. Isto ten o seu lado bo e o seu lado malo, naturalmente: gañas inimigos e espiles ó persoal. Pero que carallo, polo menos é outra cousa.
O outro día falaba el en Biosbardia do moito que lle desagradan as opinións de moitos escritores en galego ultimamente a conto das liñas editoriais en Galicia. Salvaba a Marcos Calveiro (que viñera dicir, no mesmo portal, que non había que mudar nada dentro, só fóra); o dos demais, parecíalle falar barato. Criticaba que eses escritores viñeran dicirlles ás editoras o que estas tiñan que publicar. Rexeitaba, pois, toda crítica ó seu criterio, supostamente intocable, cos argumentos de que o principal nunha editora é manter o negocio aberto, sobre todo nestes tempos (En que tempos, digo eu? Cando foron bos tempos para os libros?) e de que os que as critican o fan por egoísmo, porque non editan o que eles escriben. Aparte, parecíalle mal que llelo dixeran “sen poñer [os escritores] un can”.
Por unha banda, non se pode culpar a moitos escritores de cuestionar as liñas editoriais. Semella moi obvio que son mellorables, ou seméllao para min. Na cuestión do egoísmo, abstéñome de botarllo en cara a ninguén: non sempre está claro que quen se lamenta de que non se lle conceda unha oportunidade non a mereza. Sobre o aspecto económico, se un editor desexa gañar diñeiro, a suxestión máis atinada sería que se adique a producir manuais técnicos, prensa deportiva ou rosada e prospectos de medicamentos. Ós escritores vénsenos dicindo que non contemos con gañar cartos. O mesmo, malia que pouca xente o saiba, é aplicable a un editor de ficción literaria cun mínimo interese nese adxectivo, por norma xeral.
Pola outra, non vexo afortunado que se esixa a un autor, se quere publicar, que pague do seu peto a edición tratándose dunha editora non adicaba á autoedición. Este fulano xa espreme os miolos nunha tarefa que é esgotadora mesmo se o resultado é un libro cualificable de malo, a xuízo de cada persoa, non convén esquecelo. Se tamén debe facerse cargo da edición, impresión, distribución e promoción existindo entidades ás que se lles supón adicadas profesionalmente a tales cometidos, velaí unha pregunta que non é preciso transcribir.
Deixo para outro día un feito insólito que se da neste tema: que un crítico literario dea as mans cun editor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario