martes, 8 de setembro de 2015

Antes mortos ca comprensibles


Foto: Peter Griffin

Botei agosto e comezos deste mes mirando os preto de 120 episodios de o, a culpable de que algunhas series televisivas pasaran a considerarse por moitos pouco menos ca obra de deuses, enviadas para o vulgar humano tratar de atopar nelas un sentido da existencia que non fora 42, como proclamaba un computador en certa novela paródica de ciencia-ficción, non lembro se en ¡Tierra!, de Stefano Benni, ou unha de Douglas Adams. Non lembraba eu ter seguido Perdidos coa frecuencia necesaria no seu día (entre 2004 e 2010), de xeito que quería saber que fora o que xustificara que millóns de persoas apareceran con olleiras á mañá seguinte á emisión do derradeiro episodio, de madrugada en España. Episodio que para min foi o final máis desafortunado imaxinable, por certo, e por moito que se pretendera transmitir a idea contraria.
A serie trata inicialmente da caída dun avión de pasaxeiros nunha illa remota, e dos esforzos dos superviventes por seguir a selo malia os estraños perigos que oculta a foresta. O argumento irá variando conforme pasan as tempadas: primeiro aventura, decontado intriga e, na sexta e última, puro misticismo a forza de diálogos crípticos pronunciados en actitude serenamente alucinada. Estas viraxes non deixaron indiferente a opinador ningún: para uns é unha xenialidade, para outros, un sarillo. No que case todos coinciden é nos numerosos cabos soltos: enigmas que ficaron apenas esbozados, sementados ó longo dos capítulos coma un rastro que remata en ningures.
Houbo quen, unha vez concluída, procurou aclaracións ó respecto nos responsables da serie. Mais, en entrevistas con Damon Lindehof e J. J. Abrams, estes limitáronse a refutar teorías alleas e a dicir que todo o non explicado tiña explicación, sen indicar cal era. E así ata hoxe, se non estou mal informado.
Nestes casos de pretensión de escuridade, que non se dan soamente na creación de ficción televisiva nin moito menos, non podo evitar sospeitar que esa persoa que sorrí arteira/beatífica, coma dicindo “déixoo á vosa imaxinación, á vosa intelixencia”, non dispón en verdade (polas razóns que sexan, que non cuestiono) da resposta que se lle reclama. Podería ter feito coma Akira Kurosawa ó ser interrogado acerca da mensaxe de filmes coma Rashomon: dicir que non coida que todo deba ter un significado claro, máis nada. É unha excelente maneira de dicir “non sei”. Mais non. O típico e optar por ese silencio suficiente.
Teño dúas hipóteses para esta cuestión. Como digo, pode ser que o silencioso ignore o que se supón que debera saber. Ou ben que o saiba, pero a resposta sexa tan sinxela que tema resultar mundano. Que non sexa capaz de soportar a expresión dun público ávido do transcendental: primeiro expectante, logo perplexa, finalmente decepcionada. Pois non é ningún segredo que moita xente resístese a aceptar que, ás veces, as cousas carecen dun significado claro, ou ben este é demasiado simple para as súas expectativas.
De maneira que aí temos esta persoa, temerosa de que a mensaxe non sexa do gusto de quen a escoite. A súa única saída é o recurso moi actual da pose baleira, case nunca cuestionada. Facelo é arriscarse a ser considerado ese augafestas estúpido que se nega a entrar no xogo: a tratar de adiviñar o que se lle poida estar querendo dicir, que pode ser calquera cousa e nada ó tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario