mércores, 1 de xullo de 2015
Musaka con grelos
Foto: K Whiteford
Debe ser que iso chamado globalización era en realidade un fenómeno moi anterior á aterraxe desa palabra nos artigos de prensa. Resulta que existen curiosas semellanzas entre o proceder da xente de lugares moi distanciados entre si. Algunha vez lin que, culturalmente, un peninsular ibérico podía ter ben máis que ver cun magrebí ca cun francés ou un británico. Tampouco sería tan malo de explicar: Muza non cruzou o Guadalete de turismo.
Máis carne que rillar hai no caso do paralelismo que se revelou moi evidente desde que a Angela Merkel deu en non lle prestar a musaka. Eu vino claro entón, mais xa viña albiscando indicios desde hai ben anos. Por aí na rede, por exemplo, deixei escrita un tempo atrás a sospeita de que moitos lucenses son en realidade descendentes de mediterráneos transplantados. É o que deduzo desa súa vulnerabilidade ó clima atlántico ó que deberan estar afeitos, que os leva a se pechar na casa ou, se houbera que saír por choio ou causa de forza maior, a coller o coche non ben cae un orballiño ou chuviscada de dous minutos perante o que un nativo da Normandía ou de Preston, Inglaterra, tal vez nin se molestaría en abrir o paraugas.
Non teño noticia dunha irmandade galaico-helénica e non comprendo como é que non se deu, ó que se ve. As nosas maneiras de facer as cousas, é dicir, as nosas políticas, semellan tiradas do mesmo libro. Ignoro se por aló gustan das churrascadas e mailas verbenas co Combo Dominicano, pero estou case totalmente seguro de que eles teñen a(s) súa(s) versión(s) dun Baltar (pai), hospitais friamente espléndidos na arquitectura nos que só se pode infartar en horas de oficina, un sumidoiro enorme que enguliu axudas comunitarias como un xabarín papa cacahuetes, outro bancario que estafou aforros e traballou para a xubilación millonaria de cinco espelidos, tres aeroportos nunha comunidade de menos de tres millóns de habitantes ó servizo de disputas vilegas... E máis. E, aparte de todo, a xente, que viu durante anos como levaban as caixas do almacén de noite e encolleu os ombros en silencio cómplice, con miras a entrar no negocio a falta de algo mellor e que lle deixaran levar tamén algunha para a casa, ata decatarse de que o almacén era dela. Tarde piaches.
Galegos e gregos, gregos e galegos. No Mediterráneo non orballa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario