mércores, 8 de xullo de 2015

Domar o remuíño



Foto:  Petr Kratochvil

Nun curruncho formado pola fachada saínte dun edificio, o vento formaba un remuíño coas follas caídas deses arboriños fracos que mal dan sombra. Unha cativa xogaba a gobernar o movemento das follas coas mans, coma nun debuxo animado xaponés: coma se ela fora quen producía o vento que formaba elipses coas follas.
Resulta tenro este acto de inxenuidade nos nenos, e prefíroo, por iso me fixo sorrir. Nos adultos resulta menos compracente. Non é o mesmo cando o goberno de Tsipras se revolve contra Berlín, ou cando algúns autores menores de 50 intentan mandar mensaxes á xerontocracia que rexe o sistema literario galego, ou cando algúns desempregados de mentalidade non sometida polas circunstancias protestan contra a contratación por simpatía, tan propia de aquí. Non é igual porque á nena nada lle vai pasar por facer rotar a man no medio do vórtice de vento. En cambio, nesoutros casos, poderían mesmo perdela.
Haberá quince anos, unha miña profesora de Humanística dixo, durante unha clase, que ela xamais aceptaría formar parte dun Goberno, de ningún. Nunha reflexión pouco habitual nunha feminista das que mesmo discuten airadas por cuestións de xénero con alumnos adolescentes e pailarocos coma un que eu sei, afirmou que, se se dera tal caso, estaba segura de que remataría por caer na tentación de se corromper, coma calquera outro mortal.
Era muller que tiña bastante claro que, se acurralas unha cobra, as probabilidades de que se vire a ti e che inxecte o veleno ata o sangue son elevadas.
En cambio, a sensación hoxe é que a xente semella perigosamente inconsciente do que o poder implica. Tal vez influenciados por lemas idiotas de sociedade de consumo coma ese que di que es capaz de todo se o intentas, algúns falan de gobernar coma de aplicar unha capa nova de pintura a unha parede: deixas secar e vía. A intención pode ser boa, pero esa parede rara vez pertencerá a un único propietario. E cando todos se xunten para te poñer pingando, debes saber que non podes disparar ó aire. Que é moito máis complicado. Con todo, e se por tras dese candor houbera máis sentidiño (e esas calidades non técnicas que se teñen por intranscendentes) có dos que levan a vaca polo adival, ogallá consigan domar o remuíño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario