mércores, 15 de xullo de 2015

A escuridade vergoñenta (e supermolona)


Foto: DanyJack Mercier

O outro día, dei cunha mensaxe nas redes sociais que se me fixo intrigante. Dicía non sei que cousa de alguén e un “FAP”. O contido, polo que coido lembrar, era máis ben irrelevante. Eu quedei con aquilo de FAP. Que carallo sería? Tiven que consultar a Wikipedia. Entre a lista de posibles significados deste aparente acrónimo, deducín o último como máis probable segundo o contexto. FAP sería, no argot de certo tipo de chats en inglés, o que en cristián se chama “masturbación”, de mal nome «palla».
O autor da mensaxe confirmou a miña suposición ó non desmentir a miña resposta aclaratoria, que deixei a xeito de orientación para outros non iniciados, coma min, no idioma sen dicionario impreso deses adolescentes anglosaxóns que chatean sobre sexo en solitario desde o soto da casa de seus pais. Recomendeille con coña máis claridade en adiante, como o tiña feito con outra internauta que teimaba en tirar de espanglis malia evidenciar coñecer un español puro e saber, xa que logo, que todos aqueles palabros made in USA, infrecuentes mesmo para un falante nativo de nivel cultural medio, que eu entendía pero a xente con menos coñecemento do inglés lle soarían a cricrí de grilos, tiñan cadanseu equivalente en romance. Coido unha inutilidade sen encanto pretender resultar incomprensible á man tenta, se non é por causa de forza maior.
Dubido que ningún dos dous me vaian facer caso. O do FAP chamoume ignorante, moi cerimonioso el.
Este tipo de ocorrencias xa foron bautizadas. No absurdo de sempre aquí, o de evitar falar o idioma propio por considerar que outros dan máis mundo, chamárono “cosmopailanismo”. Tamén se lle pode chamar inquietude simplemente estética, non digo que non.
E así e todo, algo no coidado extremo que o fulano do FAP semellaba poñer en non revelar a tradución destas tres letras me suxeriu outra explicación. Hai tempo souben dun obreiro da construción que era algo puteiro. Non se privaba de contar a outros as súas incursións nos puticlubes de estrada en semana de cobro. Iso si, cando se refería ós xenitais femininos, no sitio de “vaxina” ou “cona”, baixaba un chisco a voz e dicía “iso”, con pausa pudorosa previa. Coma se coidara que pronunciar unha soa vez os nomes propios da zona o obrigara a facelo outras trescentas veces ó día en calzóns á porta dunha igrexa. Daquela, eu pensara en Maude Lebowski, o papel de Julianne Moore n' O Gran Lebowski, cando lle bota en cara ó Nota esa reticencia de moitos homes á palabra vaxina (presupoñendo que el é un deles). Tanto este obreiro coma o fulano do FAP amosaban esa aversión particular: evitaban chamarlle a unha cousa polo seu nome máis coñecido. Un tabú non resulta fóra de lugar na xeración do obreiro puteiro; mais, na do fulano do FAP, o exotismo da palabra aparece multiplicado por mil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario