martes, 21 de xullo de 2015
A boa xente
Foto: Peter Griffin
Dicía Berta Vias Mahou esta fin de semana en El País que é frecuente que se tome ás boas persoas por idiotas. Ela falaba de escoller parella; manifestábase moi satisfeita de ter casado cun home bo, e estrañáballe que, cando á xente casada se lle preguntaba polos motivos que o fixeran, ninguén indicase como calidade da súa parella a bondade.
A min paréceme algo aplicable a calquera outro tipo de relación persoal. As boas persoas son un exemplo notable de resistencia. Xamais están de moda, se son homes teñen moito máis difícil resultaren atractivos antes dos 50 anos e espertan desconfianza no tocante ás súas probabilidades de alcanzar un porvir, sequera unha meta importante.
Tamén quen vaia sorrindo pola rúa pode dar por case seguro que quedará coma un paspán, aínda que aí eu introduzo un matiz que acho definitivo: non é que toda persoa que sorría quede de tal perante calquera, senón só a ollos de quen nese momento non atopa motivos para sorrir. A alegría só semella estúpida cando non a compartimos.
Volvendo ó asunto, e por contra, aquí o preferido para case calquera cometido sempre foi o fillo de puta. Lémbrense as famosas visitas do Jordi Pujol president á Moncloa cando a ocupaba Aznar. Había quen vía aquilo na tele do bar, enviaba a copa de coñac e dicía: “Si, é un ladrón, pero que queres? Polo menos, rouba para Cataluña.” Do mesmo xeito, sempre se dixo que todo adestrador querería no seu equipo un Fernando Hierro, a saber, un defensor talentoso pero que axota atacantes non por habilidade, senón a forza de lles deixar as canelas en carne viva a couces dos que non ve o árbitro. Logo temos esa clase de persoas carismáticas que máis dunha vez rematan nas páxinas dos xornais citados en noticias sobre operacións xudiciais contra a fraude. Con elas ocorre que as almas ás que atraen co seu imán defínenas coma “boas persoas” cando queren dicir “persoas poderosas”. Perciben nelas non a bondade: a seguridade. Unha emoción orientada cara o material, non cara o espiritual.
No momento no que algo que se entende fundamental está en xogo, resulta que a persoa vota, apoia ou casa coa opción do mal, que proporciona a sensación de que todo ha rematar ben.
Ningún comentario:
Publicar un comentario