luns, 4 de maio de 2015

Vida substancial sen se unir ó Estado Islámico

Foto: Cynthia Tveit


Un domingo coma outro oio na radio que promocionan un libro baseado na vida dun tenista famoso.  É careiro, preto de 18€; de momento foi nomeado “libro oficial” dun torneo, máis adiante sairá á venda. Predigo que, como sucedeu con outros produtos deste tipo (lembranzas de futbolistas ó pouco de seren campións do mundo e cousas polo estilo, formas de subsistencia para negros literarios ou redactores do Marca ou o Sport á procura de ingresos extra), se venderá coma as napolitanas de chocolate a carón dun colexio á hora do recreo.
Ese mesmo domingo, pola mañá, leo que a oferta estrela dun dominical de prensa é unha reportaxe sobre o Estado Islámico, esa alianza de loitadores abnegados contra o imperialismo do mundo chamado desenvolvido cun concepto cru da orixinalidade: o medievo sanguento como era desexada. Deles chama tamén a atención a súa capacidade para captar fieis de continentes e (en teoría) afinidades moi diferentes. A opinión doada é entender que a causa desa atracción reside na violencia existente no xeito de vida do chamado Occidente. Eu discrepo: o grao de violencia explícita das sociedades europeas tende a cero. Acho máis axeitado pensar que a minimización dos riscos máis primarios na estrutura social presente pode producir un enorme aburrimento en persoas que non dean liberado ben a súa enerxía, aburrimento que vira en desesperación se se engade a marxinación, ben frecuente do que se cre en graos diversos e evidente só para o marxinado. A proposta do EI evoca o animal na xungla, razón dabondo a ollos do aventureiro frustrado para consideralo seriamente, malia que se ignore case todo da fe que é requisito imprescindible e se supoña que abonda con recitar unha serie de lemas como a estrela de rock repite que ama a cidade na que nese momento está actuando. O problema solucionaríase cunha dose de videoxogo de última xeración con carnicerías de calibre groso en tres dimensións, sen necesidade de sacar billetes para Siria. Digo eu. Antes funcionaba.
Mergullarse na parte revelada das vivencias dun deportista venerado por millóns de persoas ou coller un fusil a xeito de adianto do premio final en caso de morte (un harén celestial exclusivo con ducias de mozas virxes, disque) ou desoutro en caso de vida (un retorno ó ano oitocentos e pico, máis ou menos coma un filme de Mad Max sen porco nin alcol) son dúas maneiras de tratar de lle procurar substancia á vida. Este mundo non é tan violento como moitos afirman que é, mais, a verdade sexa dita, réxese por unha mentalidade extrema: uns a voltas coas emocións de Sergio Ramos ou Carles Puyol nun vestiario fedorento, outros procurando en internet o manual de uso dun AK47. Igual ca naqueles disturbios de Londres, que uns foron afanar en tendas de moda e outros de electrodomésticos, mais ninguén se debeu lembrar de levar, xa de paso, algo de Arthur Machen ou John Fante. Os únicos locais comerciais que libraron do saqueo foron as librarías; ou polo menos a parte da súa mercadoría que non trataba de futbolistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario