martes, 14 de abril de 2015
O dereito a ser un entre 7.000 millóns de piollos
Ocorrencias así aínda aparecen nos telexornais, así que imaxino que conserva a humanidade certa cordura: Aconteceu nunha cidade estadounidense, creo; é o máis probable, sendo este país máis proclive a caralladas moralizantes ca outros anglófonos coma o Reino Unido ou Canadá, por exemplo. Nun local público con dúas entradas, colocaron sobre cada unha delas cadanseu cartel. Nun dicía “AVERAGE” (“normaliño”, “corrente”), e noutro “BEAUTIFUL” (“fermoso”). Tratábase o experimento de comprobar, de entre un número indeterminado de mulleres, cantas pasaban por baixo de cada cartel; supoñíase que o farían entendendo que o expresado nel as identificaba. O resultado foi que case todas escolleron AVERAGE: case todas se consideraban comúns, sen nada verdadeiramente excepcional.
A conclusión tirada polo presentador do informativo, sobreentendo que a mesma dos responsables do experimento malia a ausencia de aclaración, era que ficaba daquel xeito demostrada a moi escasa autoestima do sexo feminino en xeral.
Deulles por poñer a proba mulleres como puideran moi ben telo feito con persoas de raza oriental, coa síndrome de Down, bisexuais, esquizofrénicos, etcétera.
Tal conclusión, de primeiras, semella ben intencionada, para se revelar perversa a pouco que un lle dea voltas. Implica a obriga dunha persoa de se sentir en paz e despreocupado por defecto, algo tal vez á altura dos deuses. Na era na que máis dun autor de libros de autoaxuda se pode permitir deixar o traballo que lle paga a factura da luz, é a felicidade ou é o psicólogo, sen máis disxuntiva. Se a desgraza te noquea, e pode facelo en calquera momento, ós trinta segundos xurdirá quen pretenda arrastrarte a terapia con aceno imperativo-afectuoso. Ou darche leccións de tai-chi. Ou (peor) apuntarte a unha flashmob. E non só a desgraza. Perante calquera contrariedade convencional, semella prohibido o abatemento e obrigado apoiarse para saír del en calquera cousa agás no licor café.
En troques, teño para min que o AVERAGE non vén mal: pon a un no seu sitio. A este paso, empezo a pensar que o dereito a certa autocompaixón, terapéutica en ocasións e doses baixas, debera figurar na Constitución. Mal se ve a paisaxe coa cabeza metida nas nubes. De cando en vez é precisa esa perspectiva: a dun piollo entre outros 7.000 millóns de piollos, como mínimo e mentres a NASA non teña probas para ampliar a cifra.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario