xoves, 26 de febreiro de 2015

Suspenso de crítica e público



Os telexornais véñense enchendo desde hai un tempo de noticias que apenas sorprenden. No último Debate sobre o Estado da Nación, o máis destacable que ofreceron foi o desmaio dun diabético ou hipertenso, non estou seguro, e o da presidenta xogando ó Candy Crush no seu iPad durante a sesión.
O do desmaiado é un indicativo da normalidade que se lle presupón a estes medios de comunicación, e non sei se á sociedade, por extensión. É noticia que unha persoa que desenvolve unha actividade política institucional padeza algún tipo de enfermidade crónica, disque. Non chega a cualificarse de tal que alguén nas bancadas tivera botado man, se fora o caso, dun pano para controlar a avalancha que lle viña polas fosas nasais abaixo por mor dunha catarreira de potencia extraforte porque non cadra que sexa un día malo para as axencias de noticias. Pero deixade, que todo chegará.
O de Celia Villalobos dándolle ós carameliños virtuais explosivos co dedo si se comprende que arme rebumbio. Está a presidir unha sesión no Congreso. Mais, quitando esta impertinencia e inconsciencia moi graves, debo falar ó seu favor.
Podería empregar un argumento demagoxicamente certo: que a única diferencia entre ela e mailos funcionarios que, sen control efectivo por parte de ninguén, se adican a facer o mesmo entre negativas por tras dunha xanela ó pé da cal arrinca unha ringleira de desempregados necesitados dun si por razón de supervivencia, se limita a uns menores soldos e sona. Pero non. O argumento é a súa condición humana, aínda que falemos de Celia Villalobos: non son quen de imaxinar moitos acontecementos máis soporíferos ca ese. O teatro é cousa que non chega a cansar, sempre que estea ben interpretado. Mais esta caste de comedias histriónicas, torpes e sobre todo carentes de credibilidade rematan por provocar unha enorme indiferencia. Nin sequera a certa intriga de non saber se, nunha obra que se di realista, entre tantos diálogos inventados, algún se refire á realidade, a libra do suspenso por parte de crítica e tamén de público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario