martes, 3 de marzo de 2015

O escuro mecanismo da burricie



Pasáranme polo WhatsApp un vídeo protagonizado por un cretino que comeza acenando cómplice á cámara no medio dunha rúa pola noite, sigue collendo carreiriña e remata entrando coma un defensa do Atlético de Madrid cos tacos (hipotéticos, calza zapatos dos finos, polo que coido entrever) por diante á altura da canela dunha muller que agarda uns metros máis aló, de costas a el, para cruzar un paso de peóns. Logo da caída,   queda a fitar estupefacta para el, que decontado chama ós pés compañeiros e aí remata a emisión. Disque acaban de identificalo. Do cretino sábese sábese que é de Talavera.
Este vídeo lémbrame outros máis ou menos sonados, coma o daquel rapazolo que guiaba un BMW a unha velocidade moderadamente asasina desde o asento do copiloto, ou aqueloutro de dous policías municipais a danzaricaren nos asentos do patrulleiro desde mesmo xeito no que o fan o 99% dos asiduos a pubs e discotecas: coidando danzar con gracia. No seu favor fica a incitación ó consumo de froita mediante a inxesta ben visible de dous plátanos.
Menciono tres episodios de perda voluntaria da dignidade con risco ou non para a integridade física allea dos que tiven noticia; haberá moitos máis. Hai algo que estas catro almas teñen en común. Non sei explicalo ben. É unha chispa na ollada, un xeito distinto de se moveren, unha certa inflexión no falar. É inconfundible. Coma o colorido cutáneo de certos animais, semella levar implícito un aviso: “Ollo, notas altamente susceptible de facer o conas en Youtube”.
Deixando aparte tal percepción, este tipo de individuos téñenme intrigado. Querería saber máis deles, do que fan no resto das súas vidas: da súa forma de pasar os domingos, das súas vidas en parella, se fora o caso, de se gustan da produción musical de Shakira coma Mark Zuckerberg, de se deron por ben ou mal gastado o diñeiro logo de ir ver Birdman, esas cousas. Tal vez aí resida a clave para entender como foi que cederon á tentación de se poñer ó alcance do ollo de vidro dun móbil de última xeración sen un obxecto (a diferencia da tolemia calculada dos de Jackass, por exemplo). O argumento da ansia do cidadán anónimo por transcender que tamén se aplica a concursantes de telerrealidade non acaba de me convencer. Tampouco creo que sexan idiotas integrais; alguén así estaría tan á marxe de todo que non tería cabida na sociedade. Ha de haber algo máis, algún mecanismo escuro que, xurdida ocorrencia semellante, predispoña ó cerebro a se desactivar en canto se fai presente esa sensación puxante no baixo ventre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario