xoves, 19 de febreiro de 2015

Tantos días felices coma cus

Foto: Petr Kratochvil 


Nos últimos anos, as mensaxes tipo “A felicidade é revolucionaria” son o que na rede chamarían virais. Semellan os seus autores dar por feito que todo o mundo bota as 24 horas diarias pendente deses faladoiros políticos nos que se lles di moi informalmente que o estado de benestar ten a cada punto máis de miraxe.
É certo, si, que un nota que moita xente resiste cada vez peor a contrariedade. Reséntese a súa tolerancia cara aquela parte do seu tempo na que non atopa motivos para sorrir, talmente coma o fumador cara o lapso prolongado entre cigarro e cigarro. O chistoso e o chocarreiro teñen de antemán gañada unha baza respecto ó introspectivo e ó analítico.
Non me estraña. É comprensible que se aprecie a risa. Mais preferiría que, como diría Clint Eastwood, os conceptos de día feliz foran coma os cus: que cada un tivera o seu propio e diferenciado.
Resulta monótono que os únicos motivos para o sentimento gratificante procedan do que vén etiquetado por defecto coma motivador de tal. A meirande parte da xente, cando quere pasar un bo día, le as anécdotas vilegas de Sucasas en Letraenobras.com, ou colle a estrada cara o Festival de Pardiñas, ou asiste ó Luar dese Gayoso que é a competencia galaica en lonxevidade do mesetario Jordi Hurtado, aínda que do primeiro non se rumoree (brincadeira) que é un robot. Pode haber persoas capaces de pasar un bo día lendo a Lovecraft ou mirando filmes de J. P. Melville. Pode habelas mesmo que o logren visitando ruínas. Exemplos do aburrido, do deprimente, aínda do lúgubre para máis dun, seguro.
Mais ollo: porque un sorriso é a manifestación do que motiva a alguén a seguir adiante, pero ese motivo pode ser ilusionante de máis dunha maneira. Estes frikis solitarios traballan coa imaxinación, algo que amosan os festeiros comúns ter en moita estima.

Ningún comentario:

Publicar un comentario