luns, 19 de xaneiro de 2015

O Kalashnikov e a lente de aumento



Foto: sevenart's Bucket


O semanario francés de caricaturas Charlie Hebdo pasou de estar nos andeis máis preto das revistas (porque tebeos xa non hai, creo) ca dos xornais a acadar unha tiraxe de 7 millóns de exemplares cunha recadación duns 10 millóns de euros. Iso foi logo de que un par de homes armados con fusís Kalashnikov arrasaran a balazos a súa redacción, con vítimas. Destes feitos tira un dúas conclusións que acha evidentes:
1) Hai un andazo do que case ninguén fala, que non está nos medios nin é trending topic nas redes, pero existe, que é o da estreiteza de miras. Este andazo tamén mata: é para o sentido do humor coma a xeada negra para os nabizos. Este andazo levou ó Papa Bergoglio a comparar, nun modo macho uber insólito nel, a reacción do CH coa actitude de alguén que cuestionara a honra de súa irmá; estráñame que non dixera, en troques, de súa nai, á maneira clásica ultracatólica. Tamén este andazo levou a un fato de nixereños a incendiar varias igrexas, por exemplo, logo da insistencia dos caricaturistas en pintar a Mahoma debaixo dun lema, “Todo perdoado”, que lles debeu soar cínico. O Papa trabucouse: se entenderamos así a cuestión, o mundo debera forzar a un cambio de imaxe a esas mozas de arrabalde que aparentan levar meses sen se duchar e locen o cabelo tinguido de vermello vivo ou branco ou verde fosforescentes, porque esa estética me fai mal á vista, a min e seguramente a moita outra xente, parte da cal o mesmo podería sentirse tentada a lles moer os ósos. As mesnadas nixereñas, se tiveran falta dun cubo de auga xeada no que mergullar a cabeza, deberan polo menos ter contado ata dez antes de facer nada: non repararon no detalle de que tal vez os autores dos debuxos do CH non profesen a fe cristiá, da que ben podería entenderse que tamén teñen feito burla outras veces, por certo. Por non falar da elevada porcentaxe de cristiáns ós que tales debuxos lles importarán un carallo, simplemente.

2) Pola outra banda, topamos con que? Coa mesma vaca no millo: a desmesura. Antes do atentado, dubido que o CH fora moi coñecido a nivel mundial, aínda a nivel nacional francés. Despois del, os informativos amosan imaxes de ringleiras de potenciais compradores dun exemplar dunha publicación que, a min cando menos, non me parece que conteña nada en verdade revolucionario, nin memorable, nin gozoso, nin sequera especialmente entretido. Desde logo, non a vexo merecedora de horas de espera á friaxe invernal. Con case total probabilidade, a meirande parte deses compradores potenciais en ringleira xamais a compraran antes, nin se lles tería pasado pola cabeza.

As dúas conclusións anteriores teñen algo importante en común. Coma naqueles encantadores filmes da década dos cincuenta de bichos mutantes por radiación ou experimento(big bug movies, os chamaban os ianquis e entendidos) a ameazar a típica vila americana perante a oposición das forzas armadas, algo que en realidade é case diminuto aparece xigantesco, coma visto a través dunha lente de aumento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario