luns, 12 de xaneiro de 2015

A deriva poligoneira



 
Foto: Russ Brown

Non lembro se foi a partir da atrofia do ladrillo de 2008 ou arredores, ou se viña de antes. O caso é que, se Cunqueiro ou alguén con ese gusto para eses exercicios literarios de estilo (máis ca análises antropolóxicas) dos “tipos humanos” vivira, no caso lucense actual veríase obrigado, por relevancia cuantitativa, a conceder un espazo considerable ós chamados poligoneiros.
Tendo eu a pensar que non sempre foi tan así ata onde me alcanza a memoria. Que un saía á rúa en moitas zonas da cidade e non vía á metade dos transeúntes en idade máis ou menos moza en chándal e/ou deportivas rechamantes, cunha bolsa de baratillo chinés na man, ou a BERRAR polo teléfono cun Yónatan ou unha Yesi, ou a rebentar os tímpanos con reguetón ou chunda-chunda sobre todo e, se non, esa música dignificada por razóns extramusicais chamada rap, para consumo de mocetes con gorra de béisbol de viseira plana e pose pouco lograda de cool daddy, que por acó aínda hai ben deles, e voluntariosos. 
Os que temos menos de 50 anos e non vestimos nin nos comportamos dese xeito á forza debemos resultar, pois, indiscretos. Ó comezo de Breakdown, un matrimonio de viaxe por un condado perdido no sur dos Estados Unidos paraba nunha gasolineira. El, que era Kurt Russell, mercaba un paquete de donuts cubertos de azucre en po; “aquí isto debe ser alta cociña”, comentáballe á dona. Do mesmo xeito, sospeito que o meu chaquetón de mariñeiro de rebaixas e a miña bufanda de mediana calidade chaman ás veces unha atención algo máis intensa da simple ollada identificadora fugaz. Non sei se non me considerarán estes estupefactos ocasionais unha especie de dandi a escala local. Esa si que sería boa.
Sexa como for, o lucense tipo de hoxe, ou se cadra o lugués, porque os hai de Guntín ás Pontes, semella ser, nunha porcentaxe non maioritaria, nin de lonxe, mais si apreciable, un guaitrón ou unha jotía. Aínda que non digan “guai, tron!” nin “jo, tía!”. Como aconteceu isto, é un enigma que me vexo incapaz de esclarecer, se esta cidade disque vira o seu porvir na explotación turística do seu pasado romano bimilenario, se é residencia de “grandes artistas” segundo Quique Bordell e foi lugar de estudos de máis dun nome de enciclopedia. Claro que aquí tamén aquí fixo o Bacharelato Aida Nízar. Dúas forzas colisionan e ben pode gañar... a outra.


Ningún comentario:

Publicar un comentario