mércores, 28 de xaneiro de 2015

A regresión desexada


Paso tódolos días por diante de dúas paredes sen tellado comidas pola humidade. No seu tempo, aquilo foi un pequeno estanco no que eu mercaba barras de regaliz cada tarde, xa con noite, á volta daquela rutina incomprensible que era a catequese previa á Confirmación; o certo pracer gregario de estar no medio doutros 30 calaveras ós que coñecía do colexio era o que lle confería o seu encanto ó acto. Confirmeime, o estanco trasladou a súa ubicación e xa non venden regaliz alí. O ritual ficaría sen sentido, caso de querer repetilo, que esa é outra: a nostalxia só é recomendable para consumo moi esporádico.
Agora boto un ollo ás contras pechadas de pintura gris descascada, e ás dúas chapas xunguidas por un cadeado que fan as veces de portas. Nos lados nos que falta o muro puxeron tea metálica que deixa ver o interior arrasado do local. Entre rastros de plaquetas e mato, andaban días atrás peteirando mal que ben media ducia de galiñas e máis un parrulo, presenza esta última que non se comprende. Non é o único anormal. O proceso urbanístico tipo nas cidades galegas de hoxe é: Casiña de un ou dos andares -> Demolición -> Bloque de pisos charramangueiro. Houbo unha sorte de regresión. De casiña pasou a galiñeiro. É un pequeno milagre, motivado, certo, polas circunstancias. Aló por 2008, a máquina ficou co motor gripado e conxelou o ritmo prefixado dos acontecementos. Onde tería que haber hoxe cemento, medra a herba. Onde tería que haber unha familia acollida ó réxime de protección oficial con fillos que tratan de imitar o estilo rapeiro, resulta que os animais se apropiaron do lugar. Xa é máis improbable que prosiga o retroceso e volvan as árbores, coma as que había por tras da igrexa antes de que a Ronda Norte esborrallara o terreo, pero sería ben interesante. Desexado. E NON por saudade, carallo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario