Foto: womantosantiago.blogspot.com.es |
Antonte pola mañá, a un home de 79 anos pasáronlle
por enriba cun coche na Praza do Campo. Para quen non coñeza Lugo, é unha
praciña de ar marcadamente medieval, con soportais e unha fonte con estatua de
santo chantada no medio. Noutro tempo houbo circulación rodada por alí (se a
vedes, non daredes creto: debe ser unha das rotondas máis cativas do mundo),
pero hoxe é teoricamente peonil. Teoricamente.
O
acontecido ten, de primeiras, difícil explicación. É zona de bares (a parte
vella da Rúa Nova, a dos Viños, desemboca na praza) e, se ben nas primeiras
horas da mañá non debía haber moito movemento, alguén tería que se ter
decatado. E con todo, o único que hai é a testemuña dunha camareira, que só
atinou a dicir que saíu á praza ás oito e cuarto e non viu nada de particular.
Daquela,
como feito tan rechamante pasou desapercibido? Deixemos aparte teorías de
malpensado. A poucos dos que viven ou traballan na Praza ou na Rúa Nova puido
chamarlles a atención ver un coche manobrando a moi escasa velocidade no moi
escaso espazo entre soportais, fonte e edificios. Dixen que a praza e as
canellas do entorno son peonís en teoría, pois na práctica calquera
lucense sabe que, se por alí non pasa un catro eixos á ruta nacional, é porque
a única dificultade de acceso que se lle había presentar sería a do seu tamaño
excesivo. Vehículos máis pequenos vense a esgalla a case tódalas horas do día:
uns contan con permiso de residente ou reparto; outros limítanse a entrar con
parsimonia desde Bispo Aguirre ou A Tinería, á altura da traseira do
aparcadoiro dunha clínica da rúa Montevideo, puntos libres de control coma
buratos sen parche de seguridade dun sistema operativo. Nada nin ninguén llelo
impide, nunca. O habitual cando se camiña polo lugar é rematar oíndo de súpeto
por tras dun o ruxido baixo dun motor en primeira marcha.
Esta
reflexión semella leva camiño de rematar en carta ó director coas palabras a
tremer de furia, rematada cun “Señor Orozco, pense menos nos votos e máis...”.
Pois non. De feito, se chego a facer algún día algo así, mandádeme un par de
sicarios.
Non, eu
guíome por outro razoamento. Ninguén se estrañou de ver un coche na praza
porque é o máis normal do mundo malia estar oficialmente prohibido.
Porque é o máis normal do mundo ver algo que non funciona onde case nada
funciona. En Lugo, a xente botou anos, décadas mirando pasar por diante dos
seus ollos toda caste de atropelos, ata aceptalos coma algo imposible de
erradicar e aínda tolerable por comenencia: sabían que, máis tarde ou máis
cedo, habían precisar de atropelar eles mesmos en favor da propia
supervivencia, xa que a vía legal adoitaba morrer en ningures. Por iso non é, se cadra,
tan raro que estoutro atropelo non fora visto por ninguén. Ficaría escurecido
por un costume acedo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario