mércores, 10 de decembro de 2014

Papeis á forza

Foto: Peter Griffin


A Christopher Lee é mellor non mencionarlle as súas interpretacións de Drácula para a Hammer Films, entre fins da década dos 50 e comezos da dos 70. A reacción mínima que pode agardar o curioso é unha réplica destemperada. El, xunto con Bela Lugosi, é o Drácula máis famoso da historia do cinema, penso eu. Con todo, non o atura. Non quere que se toque o tema. Diríase que prefire o esquecemento. Probablemente considera esa etapa indigna, ou como pouco superflua na súa filmografía. Discrepo: non só foi o papel que o deu a coñecer entre Burbank e Valencia, senón que logrou algo tan infrecuente no cinema de programa doble coma seguir a ser lembrado a 10 de decembro de 2014.
Non é o único papel que unha persoa poida verse obrigada a desempeñar á forza. Eu botei anos escribindo cousas das que gardo unha lembranza vergoñenta. Algunhas delas mesmo me valeron premios en certames literarios. En cambio, por aquelas outras das que estou máis satisfeito só me deron as follas das patacas. O prezo a pagar por unha presada de euros de dignidade é xustamente esa contrariedade. O meu caso e máis o de Chistopher Lee non son, claro, enteiramente comparables, non para min, aínda que si tal vez para el.
E hai máis papeis á forza nesta vida, hai. Máis mundanos, igualmente necesarios, moitas veces infravalorados. O papel de escoitador cando todo o mundo se empeña en falar: hoxe non se estila, confúndese coa timidez ou, peor, coa lentitude mental. Tamén o de engadir humor cando no ambiente a solemnidade vira estomagante. E o inverso, que é menos prescindible ca nunca: o de se poñer serios cando a xente descoñece a liña que separa a ironía da frivolidade: isto último xa acontece de xeito masivo. O de conterse cando os demais andan acesos. O de optar pola cordura cando o mellor visto socialmente é tolear. Non digo máis: sabedes de que falo. Algún día serán papeis de prestixio, dos que non deben faltar en filmografía ningunha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario