luns, 15 de decembro de 2014

A fin da teoría Milhouse

Foto: Peter Griffin



Os medios de masas téñennos afeitos a unha imaxe moi específica de perdedor: aquel que, xa desde neno, semella predestinado ó fracaso. Aquel que xa emite claramente ese sinal desde antes de entrar en competición, sen ser el nunca consciente. O típico Milhouse Van Houten, por poñer o exemplo que case todos coñeceredes.
Isto non é outra cousa cá tradución en estereotipo da mentalidade inculcada polos sistemas chamados democráticos nas súas sociedades. O razoamento non é meu, que o collín emprestado. A ditadura somete ó individuo por medio da represión: se a este se lle ocorre acusar ó Estado dos seus males, mállase nel co vergallo ata que acepte que o que se lle impón é o correcto, por esa razón, porque a Autoridade sempre sabe o que é correcto, e punto. En democracia non. Existe igualmente un individuo ó que someter, pero doutro xeito máis sutil. Teño falado desta manobra máis veces. Consiste en meterlle na chencha a idea de que o esforzo leva aparellada unha recompensa, en calquera caso imaxinable. De non recibila, significará, xa que logo, que o individuo non se esforzou canto debía. Velaí: os que, unha vez que lles chegue a vez na ringleira, non reciban a paga logo da xornada de traballo, serán uns preguiceiros. Non se contempla que alguén puidera ter arramplado mentres cos sobres. O Estado xamais terá a culpa, e será inmaturo e egoísta pretender o contrario.
A nova moral enraizou coma as silvas. Desde a súa aterraxe, virou no novo Credo; pois, por mentira que pareza, a xente, mesmo algúns dos que se coidan escépticos, é máis relixiosa ca nunca unha vez defenestrado o cristanismo. Mentres o individuo tivo no peto catro pesos para o centro comercial e as excursións de fin de semana a Portugal, o verme foi furando e furando nos xuízos ata ir apegarse ó fondo. Neses anos non admitía réplica. Agora sábese que tiña a luz conectada de xeito clandestino. O éxito leva, non sei se por norma, si cando menos con demasiada frecuencia, unha contabilidade B.
Dicía que esta nova moral creou un estereotipo interesante, o deses Milhouses, fracasados que ignoran o seu final adiado. Interesante mentres durou, porque se esfarela a medida que a teoría que o sustentaba vai morrendo. Xa non é só o inepto (no sentido de non apto) o que fracasa, se é que algunha vez tivo esta exclusiva. Os aptos fracasan a milleiros, a millóns quizais. Aínda hai, e sorprende, quen continúa a culpalos por non se teren esforzado en preparar unhas oposicións ou polo seu suposto inmobilismo á hora de se chimpar de cabeza ó abismo sen ter a certeza de que habería unha rede debaixo. Cada vez son menos os que inculpan, tamén é certo. Pero carallo, hai teimosías letais para as neuronas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario