luns, 24 de novembro de 2014

Vidas sen primavera


Foto: Lilla Frerichs


Lembrei onte, e púxena no Twitter, certa frase de Conan El Bárbaro, o filme de John Milius de comezos dos 80, cando están Conan (Arnold Schwarzenegger) e máis Subotai (Gerry López) conversando mentres se dispoñen para a batalla contra as hostes de Thulsa Doom (un James Earl Jones maxestoso). Devalan na posibilidade dunha vida convencional, ben distinta da que levan, errante e azarosa, de latrocinio e loita pola supervivencia espada en man. Segundo o guión do escritor Louis Sprague De Camp, Conan négaa, melancólico: “Nunca haberá primavera para nós; só o vento que trae olor a fresco antes da tormenta”. Na pista de audio castelán da edición en DVD da Fox aparece inserida nun fragmento en versión orixinal subtitulada, polo que é de supoñer que os espectadores que acudiron daquela á estrea nos cines de España non a coñeceron. Paréceme un erro maior por parte dos autores da montaxe española. Esa conversa, esa frase precisamente, xamais poden faltar na metraxe.
Aquel filme estaba ambientado nunha época remota e nun lugar inexistente. E, con todo, amosa unha coincidencia coa época presente neste país: tamén aquí hai moita xente sen perspectivas de primavera. Non creo que sexan precisos moitos exemplos. Por poñer un recente, os pacientes do futuro e incompleto servizo de Radioterapia do hospital Lucus Augusti que ficarán sen atender alí, porque a Xunta decidiu que priman números sobre persoas e, polo tanto, mellor unha casa sen tellado ca ningunha, e outro clásico, coma o limbo no que están os desempregados de longa duración de entre 30 e 45 anos, para os que non hai previsto plan ningún de rescate por parte do Estado.
Aí remata toda semellanza. Isto non é a Hiboria de Conan. Deste lado da pantalla (ou da páxina) algúns que afirman vivir sen primavera, e non falo de escuros políticos nin especuladores, quérennos vender que a vida así é algo necesario, incluso estimulante, mentres nos incitan a emprender no baleiro. Cando non ten nada de poético, nin remata rápido e sen dor. Non, se algún día foi factible, hoxe é a cada punto máis difícil vivir sen primavera. Porque, rematados os créditos finais, aínda estamos aquí. E é tremendamente excitante saír de viaxe sen diñeiro, sempre que teñas onde volver.

Ningún comentario:

Publicar un comentario