Foto: Janette Fuller |
Cito tres puntos sen aparente relación:
A) A primeira vez que fun á aldea materna, un fato de
casiñas cun censo duns vinte habitantes hai vinte anos, sorprendeume a súa
disposición. Non debera, xa o saberedes se coñecedes o rural galego, pero é un
detalle significativo. E é que o que vin foi un mal etiquetado coma “centro
urbano” con cinco ou seis casas arremuiñadas en torno a unha igrexa da época
carlista e, o resto, unha casa seiscentos metros máis aló, outra dous
quilómetros máis aló da primeira, outra quilómetro e medio máis aló da segunda,
etcétera. Como digo, non é raro, todo o contrario. A min chamoume a atención,
iso si, afeito como estaba ó relato das lembranzas de meu avó e de miña nai
sobre como era todo antes, sobre o unidos que eran os veciños no tempo
no que as mallas eran algo máis ca un evento exótico do que os organizadores
aspiran todo máis a que veñan as cámaras da TVG. Esas cousas. Daquela, eu era
pequeno e ignorante de que a incongruencia non é só propia do ser humano adulto,
senón a súa filosofía de vida.
B) Xa tería tempo de comprobalo, por exemplo, no feito
inexplicable de que en Galicia non exista un grupo potente de produción láctea
(non é tema secundario para a economía do país, precisamente), porque un
granxeiro galego polo común deixaríase cortar un brazo antes de aceptar
asociarse co veciño, e se este decide A, aquel decidiría sen pensalo nin moito
nin pouco e xa fora un contrato co diaño, B.
C) Leo que a desintegración (non gusto da palabra de moda
para definir o fenómeno, “atomización”) da esquerda galega sigue o seu curso.
Era demasiado boa para ser certa a paralización do proceso nestes anos.
Diferencias de parella. As cousas pequenas son as que fan a vida, é
sabido. O malo para eles é que a parella veciña, coa que compiten por unha
parcela, ou ten un conselleiro matrimonial de primeira, ou sabe establecer unha
orde de prioridades. E mentres o cónxuxe que debe abandonar o domicilio
familiar recibe do outro unha chuvia de roupa engurrada e insultos, estoutra
parella feliz ri deles e brinda con champán á outra banda da rúa.
Tres puntos sen relación aparente, digo.
Desmitificar é boa cousa. Máis unha vez perderemos a oportunidade histórica (e van...) de cooperativizar a vida por culpa dunha tal chamada idiosincrasia? Parabéns desde Barcelona dun que naceu nunha aldea con 12 habitantes e 12 escopetas na actualidade.
ResponderEliminarMoi agradecido por pasar por aquí. O dos 12 habitantes con 12 escopetas é sinxelamente caralludo.
Eliminar