luns, 10 de novembro de 2014

O discurso B



Foto: Lynn Greyling


María Piñeiro, nun seu artigo recente de El Portalón, na contracapa de El Progreso dos sábados, discrepa da opinión de certas mulleres, internautas unhas e actrices ou modelos outras, que afirman que o feminismo é hoxe innecesario en países “desenvolvidos”. Discrepo eu tamén. Algunhas desas famosas afirman non ser feministas porque “non odian ós homes”, algo que deixa descolocada á autora. O caso é que, aparte do temerario de atribuír porque si transcendencia e tino ás opinións de internautas e xente da farándula, non atina ela a diferenciar os distintos discursos feministas.
Na loita contra a segregación racial nos Estados Unidos, estaban como os máis representativos os Martin Luther King e mailos Malcolm X. En teoría, ámbolos dous defendían o mesmo; na práctica, diferían as maneiras de entender a cousa, polos menos de porta cara fóra. Os Luther King querían mesturar fichas negras e brancas, ningunha mellor nin peor cá outra, mentres que os Malcolm X pretendían que os que antes foran reis ou raíñas (ou mesmo os fillos destes, coidado) pasaran a ser peóns, e viceversa. Malia que Luther King é hoxe, penso que con xustiza, a icona da causa, daquela seguramente fora considerado por máis dun un apoucado (un pouco coma aquí, no tema linguístico-identitario, Ramón Piñeiro con respecto a case tódolos demais) e os métodos de coitelo na man do segundo fixeron furor entre grande parte da comunidade negra concienciada e aínda entre algúns brancos con sentimento colectivo de culpa e devezos sadomasoquistas ocultos.
Expliquei o anterior polo seguinte: María Piñeiro alude ó feminismo que reclama igualdade de dereitos e oportunidades, en particular laborais, pensando na chamada conciliación. Iso é parte do discurso A do feminismo, que sería o lado Luther King da cuestión: un discurso racional e irrefutable. Ignora ela, imaxino, a existencia dun discurso B, desautorizado, por veces de xeito furibundo, por algunhas partidarias do A, pero existente así e todo. E cunha capacidade nada desprezable de penetración social. Este discurso B, condescendente e irónico, viría dicir, na súa versión moderada, que a muller debe contentarse coa igualdade por non xerar inimizades, malia ser claramente superior. A súa versión heavy está presente nesas enquisas e estudios que suxiren que o mundo estaría mellor en mans femininas, por unhas supostas meirandes habilidades e intelixencias e máis certeiras intuicións. Este discurso B, en sentido amplo, é o típico dos chistes sobre mulleres que dubidan á hora de escoller mascota entre dous animais baballóns que lles rillan a roupa interior: un home ou un can, inclinándose por sentido común por este último, máis cariñoso e menos noxento. A María Piñeiro sorprenderíalle saber canta xente dá validez, coa lingua grande ou coa pequena, a semellante imbecilidade. Debe ter presente que o discurso A ten difícil cabida nunha conversa de café, por solemne e agre. En cambio, o discurso B está como elemento habitual no cinema para consumo de masas; un exemplo entre un millón: en Jeepers Creepers, na escena na que o mozo, preocupado, insiste en que volvan á casa abandonada para comprobar se o corpo ensanguentado envolto nunha saba que o monstro botou por unha tubaxe pode ser o dunha persoa viva, súa irmá négase, airada e aterrorizada, e espétalle un: “Por iso as mozas somos máis listas!”. O probable é que esas famosas que din rexeitar o feminismo, estean en realidade a pensar neste discurso B. Vergoña allea.
No instituto guai estilo USA da vida, a sensatez sempre foi ese alumno friqui e feíño e torpe cun prodixio por cerebro, do que as animadoras rin agarimosamente en brazos dos pailáns atléticos do equipo de fútbol, que non baten co nariz ás apalpadas pero teñen coche e son populares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario