luns, 3 de novembro de 2014

E de súpeto, o golpe


Na década dos noventa existía o Premio Cidade de Lugo de narrativa longa, máis ou menos recuperado hai pouco coma Premio Ánxel Fole, ata o momento sen moita fortuna. Na quinta edición, ano 1994, gañouno Os nervios da cabeza, de Xosé Cermeño.
Se digo que é un libriño de pouco máis de 120 páxinas, a metade correspondentes a títulos, créditos e separación entre textos, que se le perfectamente nunha tarde, pode soar despectivo. Lonxe da miña intención. Para o que é a narrativa de certame literario, agradécese coma a comida sen conservantes. É un mazo de relatos, de cinco ou seis páxinas o máis longo, escritos sen unha coma de máis e sen a menor vontade de impresionar mediante o estilo nin o vocabulario, e si coa pretensión evidente de ir ó gran. Lembra a mecánica dos seus relatos ó xeito dos boxeadores de boa técnica, que semellan rutineiros e inofensivos ata que mandan un gancho á mandíbula do opoñente que o deixa patas arriba na lona.
N'Os nervios da cabeza temos, a saber: un home namorado a forza de exercer de voyeur non autorizado, un tiro nunha cabeza dentro dun autocar no medio da indiferenza xeral, a picaresca tornada impulso criminal, un escritor demente vindicador de xéneros literarios esquecidos coma o prospecto farmacéutico, un bancario soriano transmutado en B. B. King e viceversa, a revelación da existencia na actualidade de Prusia (chégase por estrada), enredos extramatrimoniais en torno ó cable dunha afeitadora eléctrica, a relación entre sexo telefónico e etimoloxía das palabras ou brincadeiras de Entroido con lume e gasóleo, entre outras cousas. O prólogo é de Cid Cabido, e o título, segundo comenta o autor nunha nota preliminar, débello á actriz Mabel Ribera.
Falando desta última: Despois deste libro, Xosé Cermeño adicaríase máis á literatura infantil. Fóra diso, o seu veu sendo sobre todo o guión cinematográfico e televisivo. Entre outros, escribiu os de Pratos Combinados, onde coincidiu con Mabel/Balbina. E, léndoo, é moi comprensible que o oficio de guionista figure por enriba do de escritor “para adultos” na súa orde de prioridades, que carallo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario