Estes días había
quen facía chanza a conta dos manteiros africanos que veñen tódolos anos ó San
Froilán aquí en Lugo. #ebolaiscoming. Era só iso, unha chanza: os máis deles
proceden doutras cidades españolas, non directamente da faixa subsahariana, así
que é máis ben improbable que ningún remate na hipotética zona de illamento do
HULA; de habela, de tódolos xeitos, sería desexable que fora mellor ca un
biombo de metal e tea branca atravesado por un far de fitas de plástico brancas
e vermellas, como disque se viu nun corredor dun hospital madrileño.
Sendo así as
cousas, coidaba un que lle agardaba un mes de outubro máis: clima prosmeiro de
frío sen chaqueta e calor con ela, unha primeira quincena exasperante por mor
da avalancha de festeiros e ruído e cheiro a suor e frituras e unha segunda de
impaciencia porque non dan chegado os magostos. Pois non. Resulta que, entre os
telexornais e as redes sociais, pregoan que se aveciña a peste.
A vida cotiá na
Idade Media, aventuro, podía chegar a resultar tan tediosa coma na época
actual. Mais daquela, en teoría, existía outra orde, outros mecanismos
impensables hoxe, verdade? Por exemplo, o sistema feudal. E o fanatismo
relixioso. E os falcatrueiros podentes na impunidade. E a precariedade: a fame,
a mendicidade, a xente sen casa e sen terra. Decatádesvos?
E a todo o
anterior, hai que engadir o que xa está aquí: a peste, un inimigo invisible que representa a crueldade do azar con respecto á vida humana.
Total: un revival
do Medievo moi digno.
Confésome
emocionado, sen coña. Coma máis dun espectador de Juego de tronos e máis
dun afeccionado ós xogos de rol, pero cun gusto máis esixente en calquera caso.
Aínda que saiba (saibamos, supoño) que todo é mentira. Unha máis, que ficará
cuberta pola sombra da vindeira. Un mero enredo para a parte da humanidade
ociosa da era tecnolóxica que non se ve con gana de practicar deportes de risco
nin nota reaccionar o instinto na proxección de filmes de terror de sangue e
susto. Porque hoxe todo precisa dun enchufe á rede eléctrica, agás o medo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario