Foto: George Hodan |
Coma os vaqueiros no vestir, a exaltación do decadente
sigue en boga. Digo sigue porque nunca deixou de estalo desde que teño uso de
razón. Van alá décadas de cen mil Bukowskis, un tras doutro ou ó tempo, todos
iguais agás o orixinal. E mesmo este se facía pesadiño á volta de dous libros
de citas de filosofía alcólica cargante con esa mensaxe: malia 300 resacas
anuais, son mellor cá ti, que les as miñas conachadas para intentar evadirte da
túa vida de conformismo e pago de facturas.
Iso foi ó comezo. Logo virían outros cen mil émulos
musicais, polo común grupos de pop arrabaldeiro-mestizo con cantante de acento
Lichis d'A Cabra Mecánica. E sempre co mesmo conto, dun ou doutro xeito:
acordei resacoso ás dúas da tarde, fun por alcol e tabaco e pensei como sería
volverte foder, morena. E así anos e anos, décadas e décadas. Moitos adultos de
hoxe medrarían, non direi no divertimento, na fe desas caralladas: o
mellor da vida está entre Montealto e Lavapiés. Se non o entendes, serás virxe
ós sesenta.
Etcétera.
Repetición tras repetición, aborrecemento por aborrecemento, aborrecemento ó
cadrado.
Algún
día, todo isto foi orixinal. Se cadra nos oitenta, e en menor medida nos
noventa, cando tantos mozos se fixaban como meta para o futuro o triunfo con
fixador en plan Mario Conde. Outros tempos. Hoxe, penso eu que non impresiona
xa a ninguén. Tanto lle turraron á vaca polos tetos que rematou dando sangue.
Os decadentes guais máis Pearl Jam ca Nirvana pero nin tan inxenuos nin tan acedos
tanto se puxeron á beira dos cidadáns de 9 a 2 que se diría que remataron
cubertos pola súa mesma cinza. Volvéronse produtos en serie, representativos
dun concepto descafeinado: igualiño cós videoxogos de guerra. Os decadentes
guais, por moita noite de esmorga por bares vellos coa que maltraten as
vísceras, xamais devolven a cea de cor vermella pola mañá. No Quake, ti podes
meterlle 40 tiros a un inimigo, que abrollará o sangue para desaparecer
decontado, sen deixar tras de si rastro de orificio de bala e sen que o branco
móbil pare que correr.
E, en
fin, que é o que me parece orixinal a min en 2014, preguntarédesvos? Direivos
que non ten delito ningún irse deitar ás once da noite cun vaso de leite quente
con galletas. O preocupante non sería iso, senón ter alma de deitarse ás
once. Velaí o que conta. O resto, postureo puro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario