luns, 20 de outubro de 2014

A moza guai e mailo gasterópodo


Foto: Peter Griffin


A propósito da estrea do filme Perdida, de David Fincher, volveu a actualidade un estereotipo feminino: o da moza guai. Sería este tipo de muller, sobre todo nova que, malia a súa heterosexualidade, manifesta no seu comportamento numerosas afinidades co suposto varón hetero estándar. Algúns medios apuntan, a saber: un carácter enormemente apracible e tolerante, gusto polo fútbol, pola cervexa, polos tríos e polo sexo anal (textual isto último). Nestes medios advírtese ó suposto varón hetero estándar, coido notar que con certo ton admonitorio, que a moza guai non existe, e a que semelle cadrar con tal descrición será unha simple imitadora que tirará co disfrace unha vez cumprido o trámite de ter caído en gracia.
Supoño que os autores da “información” teñen a intención de vindicar á muller “normal” que, debe deducirse, será a que rexeite case todo o que teña que ver con ese concepto de masculinidade. Digamos que a intención era boa, mais ó cabo non a deixan en moi bo lugar. Seguindo a liña de pensamento extrema deses medios, de moda no século presente, doado é ver á muller, por defecto, coma un ser histérico, aburrido e máis ben puritano. Iso parece ser o que se pretende facer pensar.
Como resultado desa tentativa, temos a confrontación dun estereotipo falso con outro estereotipo falso; o adxectivo é redundante, pois todo estereotipo é falso, por xeneralización simplista, mais cumpría remarcalo. Ademais, dá a impresión de que se contempla a serenidade coma algo antinatural, e o lecer deportivo, coma algo sucio. Ou impropio dunha señorita ben mandada. Acerca do sexo anal, igual non consultaron a xente coma Toni Bentley ou Sinnead O' Connor.
No tocante ó estereotipo do varón hetero estándar, o erro non é menor. Disque só existirían os futboleiros, cervexeiros e amigos do sexo duro. Deixando aparte, claro, unha minoría formada por ese tipo de homes proclamados feministas e, en máis dunha ocasión, avergonzados do pene. De xeito que, os que non entran (entramos) en ningún dos dous grupos anteriores, non seriamos cualificables de varóns; seriamos búfalos de auga, amebas ou gasterópodos. Pois eu podo garantir, polo menos en base á miña experiencia, e mediante declaración xurada se for preciso, que entre os varóns hetero non feministas nin avergonzados do pene existe unha variedade  da que paga a pena deixar constancia. Variedade que rara vez se menciona, e cando así é, fica indicada coma excepción, estrañamente. Non é o que eu levo percibido ó longo da miña vida. Teño coñecido homes de fútbol, cervexa e sexo; homes de fútbol e cervexa; homes de cervexa e sexo; homes de sexo; homes de fútbol; homes de política e baile moderno; homes de novelas de Tolkien e fins de semana con madrugada etílica; homes de filmes de Aki Kaurismaki e madrugada etílica; homes apaixonados da sección Motor do xornal; homes que non conducen nunca; homes que gustan de rutas de castelos; homes cos que non se pode falar; homes que escoitan atentamente; homes que cheiran a tabaco; homes que olen ó xabrón malia traballar nunha estada; homes de alma de charrizo; homes inocentes coma nenos.
A complexidade humana, que ten máis dun século e máis de vinte de idade, mal consente en se deixar embotellar por unha estatística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario