martes, 5 de agosto de 2014

Negra ou policial, pero luguesa e rural

Xa saberedes que hoxe en Galicia se confunde constantemente a novela policial coa novela negra. Algúns, non sei ben por que, din “novela negra ou policial”, ben, conxecturo, por non pillar os dedos coa folla da porta, ben porque coidan que ámbalas dúas cousas son o mesmo; espero que sexa pola primeira razón. Hoxe, aquí, ata onde sei, non existe a novela negra pura no sector editorial, mas ese é outro conto.

A tres bandas, de Xosé Miranda, si podería chamarse en propiedade “novela negra ou policial”, ó posuír características das dúas. Malia que pese máis a parte policial co seu cemento estándar crime-sospeitosos-detectives para termar da estrutura, paga a pena polas súas olladas a barrios con muros de ladrillo afumado, lixo e xente de mala vida. Tamén os detectives son moi singulares: unha parella todo o crible que pode ser no xénero, e iso que son un hipertenso cataléptico case toco e un xastre comunista obeso mórbido. Mais a distinción da novela reside na súa etiqueta rotundamente luguesa e rural, dous adxectivos que aínda hoxe non din pouco xuntos. Aquí o poder é agrario, representado por un industrial leiteiro (de apelido Vence, con uve), e tamén a ameaza á estabilidade ese poder: unha esposa (ata entón) obxecto arrebatada no seu día dunha casa labrega por quen se coidaba con dereito de pernada. E un detalle maior para redondear o conxunto: no día no que se resolve a historia, a provincia fica paralizada por unha tractorada.

Só hai unha eiva importante nesta novela, polo menos segundo o meu concepto de novela negra. E é que o que os protagonistas, os bos da película, por dicilo así, procuran no fondo é o restablecemento da orde, por moito que se posicionen moralmente contra o poder. Nisto teríame gustado máis que o autor seguira o modelo Jean-Patrick Manchette e tivera convertido a ese par de detective sen gabardina por fóra mais si por dentro nun grupúsculo anarquista. Daquela (1993) aínda isto estaba permitido na literatura galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario