Foto: Daniele Pellati |
Ultimamente vou de cando
en vez pola Tinería. Supoño que algunhas guías de viaxe a
definirían coma “barrio popular”, expresión sempre ambigua.
Para quen non o saiba, a Tinería foi o barrio das putas da cidade de
Lugo.
A razón que me leva a
este lugar é visitar uns coñecidos que abriron hai pouco unha
mestura de ultramarinos, tenda de produtos ecolóxicos e arte no
Recanto do Miño. É raro que nun lugar semellante poida haber algo
chamado La Alacena, pero así é. A casa que alberga o negocio, que
tivo como últimos inquilinos a varios funcionarios da Xunta, fora no
seu tempo un prostíbulo de certa sona. Cando mo dixeron, non puiden
evitar unha ollada sorprendida en derredor, porque é o que se di
unha caixa de mistos. Quixen imaxinar como sería unha esmorga en tan
escasos metros cadrados e só puiden evocar o cheiro a suor e o tacto
da carne húmida. A miña reticencia de sempre ó sexo de pago
acrecentouse automaticamente.
Adoitamos conversar no
baixo da casa, desde a porta espalancada. A actividade da praciña ó
sol pásanos toda por diante dos ollos. Os
turistas algo aqueloutrados que soben desde a Porta Miñá non teñen razón para tal actitude, pois non hai
xente “problemática”, a diferenza do que poida pensarse nunha
zona desprovista (quitada a tenda dos meus coñecidos e o pub Diablo,
só para noctámbulos) doutro comercio que non sexa o das poucas
prostitutas que fican tripando nas súas pedras. De feito, e polo que
levo visto, case nunca acontece nada. Iso é o desconcertante: as
vidas desa xente semellan ser, nunha alta porcentaxe, inactividade.
As das mulleres non tanto: teñen que traballar co seu corpo. Os
homes, todos de mediana idade mínimo, si que son pouco máis ca
estatuas lenemente animadas. Se non fora porque é bastante obvio que
ignoran o budismo ou lles importa un carallo, pasarían por mestres
zen. Algúns, malia todo, desmenten ese aire abúlico bradándose
incoherencias uns ós outros, ou ben a esas eslavas taciturnas e
latinoamericanas rechamantes que de seguro supoñen a razón esencial
da súa presenza desleixada nos portais. Case todos teñen o aspecto
característico daqueles homes de antes de escarvadentes e camisa de
manga curta que, unha vez abandonados pola muller, xa non volvían
afeitarse nin vestir roupa limpa.
Faise insólita a
existencia de individuos así. Desde a soleira, un pregúntase onde
se meterán, que é o que farán, como vivirán cando non están aí,
sentados á sombra, baduando obscenidades coma se para eles non
existira máis nada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario