"Esta noveliña
-se así pode chamarse- foi escrita, dun tirón, unha desas noites en que o sono
non da chegado. E, para pasar o tempo, un, do mesmo xeito que pode ler, ponse a
escribir sen moitas ganas. Por iso -e isto é o que quería dicirvos- se algún
valor ten é a súa espontaneidade. E, quizais, quizais, o de ser a primeira
obriña do Oeste que se publica en lingua galega. Nada máis."
Seguindo con Xosé Fernández Ferreiro, o que vides de
ler é o prólogo d'A morte de Frank González. Levaba razón nisto último o autor: foi o
primeiro western literario galego. Igual que ocorre no cinema actual, o
seu xénero está moi escasamente explotado na literatura galega. Só Isidro Novo,
que eu lembre, tivo a audacia de retomalo hai xa anos co seu nabowestern
carallán Por unha presa de machacantes (Edicións Positivas). Poida que
lle adique unha vindeira entrega d'As pequenas esquecidas.
A morte de Frank González consiste
nunha ollada múltiple deitada sobre un mesmo e enigmático personaxe. Un a un,
os membros dun grupo de persoas que conversan por escorrentar o tedio dunha
espera van dando cadansúa versión acerca da identidade e feitos do individuo,
todas ben distintas unhas das outras, como é frecuente na humanidade. Que se
era rancheiro, que se era bandido, que se andaba envolto con esta, que se tivo
leas con aqueloutro... Nada se sabe con certeza, mais é así como se vai compoñendo
un rompecabezas, sen pretensión ningunha de transcendencia, como era típico do
seu autor, e así e todo encantadoramente armado ó longo de 91 páxinas en letra
Arial, como era típico da editora, a tamaño grande.
A edición primeira, das infravaloradas Ediciós do
Castro, aparecida o mesmo ano da fin da ditadura franquista, é estupenda, co
papel máis ben amarelo non por mor do paso do tempo e mailas ilustracións de
Luis Seoane a toda páxina en rigoroso branco e negro, agás a da capa que
reproduzo aí enriba co meu escáner barateiro, da cor do sol que esmorece, con esa
grafía de cartel de spaguetti-western e ese Frank González bigotudo e
mal afeitado, de ollada indescifrable. Porque o protagonista sempre ausente non
podía ter outro nome. Nada sería igual se non se chamara Frank, e non o sería se non se chamara González.
Ningún comentario:
Publicar un comentario