mércores, 15 de xaneiro de 2014

Imprescindibles

Foto: Petr Kratochvil
Os numerosos republicanos que aquí viven opinan que o Rei é francamente innecesario. Como moito, pareceralles un diplomático careiro, aparte de puteiro privilexiado. Non semellan decatarse de que ese señor é, xa non necesario, direi máis: imprescindible.

Emprego ese exemplo como o máis notorio, o que sempre se oe nos bares, pero o mesmo vale para a meirande parte de políticos locais, autonómicos e nacionais corruptos. Por que son imprescindibles, ou para que? Sinxelo: para preservar o equilibrio mental de corenta e pico millóns de persoas.

Nos últimos anos, aparecen nos medios máis casos de latrocinios e inxustizas sociais xuntos dos que eu lembre. É un fenómeno masivo cun lema: eles a unha banda, ti á outra. A idea fundamental é que eles son distintos. Que non veñen do mesmo lugar cá meirande parte do resto. É ben doado de soster se se pensa na Familia Real: os máis dos seus membros sono por nacemento. “Con eses fillos de puta nunca xantei”.

Máis difícil é de aplicar esa lectura xenérica ós casos de millonarios, empresarios podentes ou políticos: máis dun ten a súa orixe no pobo chan. E sen embargo, sorprende que os pertencentes a este non semellen decatarse da semellanza. Sinalan a pantalla do televisor cando aparecen eles como poderían sinalar un OVNI. Anóxanse ó oír que outros lamberon millóns de euros poñendo a man por tras, sen lembraren cando eles mesmos tiñan a súa empresiña e levaban un cento de facturas da casa para declaralas coma IVE soportado a ver se colaba.

A cordura, se se pode chamar así, de boa parte da clase traballadora e media depende de manter o engano de crer que ese monte de ladróns son entes alleos. Unha raza aparte invasora. Se acaso, curmáns desnortados. E non irmáns que mamaron todos do mesmo leite e teñen idéntica inclinación a apedrar cans. A única diferenza de que uns, os afortunados, apédranos de pedigrí e outros deben contentarse con palleiráns.

Ningún comentario:

Publicar un comentario