sábado, 11 de xaneiro de 2014

Eu estiven alí

 
Foto: DanyJack Mercier

Unha tarde, hai anos xa, acudín a unha entrevista nunha nave do polígono industrial do Ceao. Ofrecíase un posto de mozo de almacén. O contrato era de "seis meses con posibilidade de indefinido", ou sexa, seis meses e a contratar a outro, fin do contrato e así sucesivamente. Baixei do bus da liña 9 e bulín para poder estar alí 15 minutos antes, polo menos. Daquela eu aínda acreditaba no aprendido na Formación Profesional sobre a preparación dunha entrevista de traballo. Daquela.
Cheguei cos 15 minutos de anticipación e vinme nunha sala de espera canda outros cinco ou seis fulanos. Logo sorprenderíame saber que algún procurara un oco no horario do seu actual traballo para optar a aquel remedo kafkiano de oferta de emprego.
Precisamente o candidato que tal fixera andaba a queixarse, como tivemos que facer todos, de levar xa máis dunha hora agardando ser recibido. O xerente chegaría hora e media despois de ter eu entrado no edificio. Seino porque eu estaba a ollar pola ventá cando o seu BMW vermello ingresou no aparcadoiro. Mirei baixar un xan con camisa de colos anchos e o cabelo brillante e peiteado cara atrás con fixador; tiña mans de apañar patacas. Crucei os dedos. Entrou desculpándose pola tardanza. Eu calei e volvínme de novo cara a ventá. O entrevistador nunca debe verlle a un cara de rillar fígados de entrevistadores.
De alí a un pouco tocoume a vez. Pasei ó seu despacho. Procurei sentarme dereito e non apoiar nunca os cóbados na mesa. Intentei amosar interese nas súas explicacións. Non sempre é doado se do que tratan é de colocar palés cunha traspaleta. Aproveitei un termo dubidoso no seu discurso para introducir esa pregunta imprescindible que faga saber ó entrevistador que está a captar a atención do entrevistado.
-Desculpe, ¿pode dicirme que entende vostede por "picar" un pedido?
O home ficou coma se lle arrearan unha labazada. Logo, lentamente, como se lle fala a unha persoa que non entende máis, respondeu:
-Pois home, cando se recibe un pedido no almacén, ábrese a caixa, cóllese o albarán e vaise comprobando que veu todo o que se pediu. Miras na caixa e vas picando co bolígrafo, miras e picas...
E engadiu, xa de mala hostia:
-Porque un albarán si que sabes o que é, ou?
Obviamente non conseguín o choio. Non obstante, saín con certo orgullo a turrar de min para endereitarme. Esa xente que se gaba de ter saído do po do camiño para rematar na cima, nunca catou o po dos camiños lucenses no século 21. Eu, en troques, estiven alí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario