Foto: Junior Libby |
A Cámara reuniuse para votar unha nova proposta dun dos partidos da oposición, logo dun mes de acusacións de falta de ideas e demagoxia desde a bancada do partido no poder. Os seus membros adoitaban dispoñer da liberdade de expresárense sen reparar no reloxo, ó ser o Presidente da Cámara, tamén do partido, moi laxo no cumprimento do seu deber durante a súa quenda de palabra. O conto cambiaba para os representantes da oposición, que vían os seus discursos cronometrados e remataban amoestados con só superar nun par de segundos o tempo estipulado para unha intervención.
A
votación, igual que acontecera as outras veces, resolveuse
decontado. O partido no poder fixo valer a súa maioría na Cámara e
botou por terra a proposta da oposición. Foi todo moi rápido. Durou
o tempo que tardaron os seus representantes en pulsar un botón de
xeito simultáneo. Fixérono coma autómatas. Non se apreciou un
mínimo brillo de intelixencia nos seus ollos, agás nos daquel que
dera a orde.
Durante
todo o mes seguinte, a cada acusación desde as bancadas daquel
partido da oposición de autoritarismo e pésimo goberno, o partido
no poder respondía que non tiñan dereito a falar se carecían dunha
alternativa efectiva, e que non debían procurar escusas: esta
carencia non era culpa de ninguén, agás deles mesmos. Tal opinión
semellaba ser compartida polos redactores de editoriais e opinión
dos máis dos medios, inclusive dos teoricamente adscritos á súa
ideoloxía. Eles chamaban a isto autocrítica.
Entendían que cada nova proposta da oposición (fora máis ou menos
interesante ou razoable) botada por terra ó momento pola maioría no
poder non o fora pola cambadela automática e interesada do partido
gobernante, senón pola impotencia da propia oposición. Igual cós
nenos no patio do colexio cando oito xuntos mallan nun só: os máis
deles non culpan ós oito por abusaren da súa ampla superioridade,
senón ó un por non ser quen de se defender.
Ningún comentario:
Publicar un comentario