luns, 8 de febreiro de 2016

Todos botados ó monte


“¡Los cómicos en mi casa!”, rosmaba indignado o Marqués de Leguineche (Luis Escobar) en La Escopeta Nacional mentres naquela cea chea de arribistas se facía a presentación en sociedade dunha pendanga de alto standing con aspiracións de actriz (Bárbara Rey). Era evidente que o Marqués vivía no pasado: aqueles cómicos xa non eran estes cómicos. Das súas palabras deducíase que os actores non eran xente de ben.
Lembrei esta escena cando lin que unha compañía de teatro de monicreques representou unha función en Madrid, logo doutra en Granada sen repercusión, e acabou condenada á cadea. A obriña, titulada La bruja y Don Cristobal, contiña entre outras cousas o aforcamento dun xuíz, o acoitelamento dun policía, o dunha embarazada e a violación dunha monxa e “posterior agresión” cun crucifixo. Contra o que é frecuente, non era para nenos, tal e como deixaran avisado; o que xa non sei é se indicaron claramente que era para adultos. O argumento de máis peso para levalos ó xulgado tería sido o final, onde se amosaba un cartel cun xogo de palabras loando simultaneamente a Al-Qaeda e a ETA.
Esta reacción xudicial histérica, sumadas ás de máis dun político, pola conta que lles tiña e coa axuda da súa predisposición para o desatino, valeu para omitir, ou comentar coa lingua moi pequena, o que me parece o detalle principal do asunto: que a tal función de monicreques, austeridade aparte, case deixaría quedar as do Grand Gignol (que non eran de bonecos malia o nome) coma anuncios de suavizante.
Eu estaba a cincocentos quilómetros e descoñezo o libreto, así que me absteño de tirar conclusións sobre a intención final dos seus autores. Outra xente si buliu a facelo, tal vez con máis coñecemento do asunto. Para eles, os responsables de Títeres desde Abajo son combatentes contra o poder reaccionario. Algúns opinan que a obra é “pouco adecuada”, para decontado engadir, cun acaloramento que intúo, que tamén o son as touradas, coma se iso a dignificara. Deben entender que non hai máis xeito de facer ver o desagradable que é comer coma unha fera ca convidando a tódolos non expertos na materia a destripar unha vaca e meterlle o dente ás entrañas fumegantes. Co cal, de paso, anulan a teórica superioridade moral ou intelectual que puideran terse atribuído e, sinxelamente, bótanse ó mesmo monte no que os seus rivais están xa a cazar. E en casa de lobos, fai coma todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario