luns, 15 de febreiro de 2016
As leas d'A Familia
Foto: Picography
Non son unha persoa familiar. Non asisto a vodas nin funerais, nin fago chamadas por mor de festividades (esas chamadas cun ton de voz xovial, moi diferente do que se emprega non ben se colga o teléfono), nin me meto nas súas leas, nin falo ben nin mal de xan nin de pericán. Fágoo, entre outras razóns, para que, en caso de que algunha ovella se volva negra, non me veñan pedir a min responsabilidades nin atribuír culpas que non teño, soamente por ser parente de. É irracional tal forma de razoar, desde logo, pero xeneralizada por aquí. Se teu pai era un mangante ou túa tía unha lercha, ti, como mínimo, malia non ter volvido por un nin por outra, has de ser un malnacido. Pódeseme chamar irresponsable, non é delito facelo. Eu, aceptar, non o acepto. A familia materna ou paterna é cousa que nunca se pide: simplemente vén, de xeito inevitable, coma os temporais. Nada teño que ver con Esperanza Aguirre, por exemplo, que si puido escoller, e escolleu. Tiña na casa un fedor a cadáver que non había quen parara en quilómetros á redonda, mais dimite deixando claro que non tiña nariz, ou sinusite crónica, non sei. Ela é, coma moitos concursos de televisión ou coma o termo “casta” referido á políticos con moito trienio, unha copia. Hai unha historia que coido xa moi coñecida: Logo haberá vinte anos, entrara ó despacho de Manuel Fraga certo político daquela noviño coa carta de dimisión na man. Oíra cousas que daquela poñían medo, polas que a xente aínda dimitía. O petrucio debeu calar un intre antes de lle preguntar se sabía por que a un dos seus alcaldes do sur de Pontevedra lle chamaban O Lixeiro. O dimisionario non debeu sabelo. “Polo lixeiro que corre diante da Garda Civil”. Era contrabandista. Imaxino a placidez coa que lle espetou aquilo ó novato, o viu marchar por onde viñera cunha confusión doutra clase na cabeza e botou unha cabezada no butacón de coiro. Non dimitiu, claro. E gañou eleccións autonómicas coma se tal. El, coma ela, non quixo meter as mans na fosa séptica anegada. A diferencia foi que, polo menos, non simulou unha dignidade da que carecía. Escolleu á súa familia entre o peor de cada casa sen perder o orgullo. O que xa teñen os dous en común, e do que libro eu na miña nula relación familiar, é que quen apanda coas consecuencias desa decisión non son eles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario