martes, 19 de xaneiro de 2016

A resposta de Kurosawa


Foto: akirakurosawa.info

Teño un coñecido que me resulta de conversa incómoda. Unhas veces, o problema é a súa teima en facer brincadeiras de todo, e cando digo todo é todo, a partir de cada palabra que se lle dirixe. Obviamente, así é imposible falar de nada de proveito; estrañaríame que alguén, fóra dos seus íntimos, o lograra. E nas poucas ocasións nas que se pon “serio”, é a súa curiosidade incisiva e incesante o elemento disuasorio. Se, por exemplo, lle recomendo algún filme, pregunta e pregunta: por que nesta escena tal personaxe fai isto, se nestoutra escena a acción tiña que ser así e non asá, que significa o final... Como sucede cos nenos a certa idade, acaba por atafegar a un. É unha das diferencias elementais entre a infancia e a idade adulta: que o adulto acepta que hai cousas que son porque deben ser.
O meu gusto non entende de esquemas, como creo que tampouco o de moita xente. Por que se gusta de certa pasaxe dun libro ou da arquitectura particular de certas casas dunha rúa non é algo que se poida explicar cumpridamente. De feito, o intento non é raro que conduza á pomposidade ou ó ridículo. Non hai máis ca ver as teorías con tanta solemnidade expostas acerca do goce na práctica do sexo ata hoxe. Ou o tratamento do erotismo no cinema ou na literatura, case sempre motivo de vergoña allea.
De maneira que a miña reacción adoita ser a vaguidade: unha frase a medio rematar, un encollemento de ombreiros ou, se tiro pola franqueza, un “non podía ser doutro xeito”. Non se nota demasiado: encúbreo a impaciencia do meu coñecido. Se fora máis proclive a escoitar, supoño que lle contaría eu aquela anécdota sobre Akira Kurosawa. A propósito de Rashomon, moitos preguntáronlle polo seu significado. Talmente, sen máis, que se di axiña. El respondeu que non o sabía, e que non todo tiña por que quedar claro. (Non sei se lles tería interesado trasladar a cuestión a Ryunosuke Akutagawa, e é pena, porque o filme adapta con bastante fidelidade o libro.) Comprendo que haxa quen considere a Kurosawa un incompetente intelectual. Así e todo, eu prefiro esta honestidade a unha grandilocuencia non de todo comprensible que, por que non, pode ben ser fume. Ademais, con frecuencia a incógnita é o único que non arruína un final.

Ningún comentario:

Publicar un comentario