martes, 24 de novembro de 2015

Remedio para as almas afundidas


Foto: Lynn Greyling

Disque a depresión é a incapacidade para ser feliz. Non creo que sexa exactamente o mesmo, pero eu agora estou a darlle toques de futbolista á miña alma, que a teño á altura dos pés. Non é a primeira vez, e ultimamente pásame moito. Chega un a conclusións demoledoras tan de súpeto que non hai tempo de asimilación. O choque déixate coma Mark Botha ó cabo de minuto e medio no cuadrilátero con Tyson.
O que pasa é que vexo que se acurta a distancia entre un mesmo e, por exemplo, un veciño meu, poeta, ex articulista de El Progreso, no asunto da nostalxia. Case sempre que me ve, laméntase de que xa non quede encanto nesta cidade. O outro día lembrábame os cafés que había no centro corenta ou cincuenta anos atrás, aqueles que Ánxel Fole mencionaba con frecuencia nos seus contos e dos que se ve que lle custaba saír na realidade (non se lle reprocha; en Lugo nunca houbo máis que facer fóra da casa, sospeito).
Coincido co meu veciño, niso e en case todo. Xa non hai clase, en case calquera sentido. Na moda, no gusto musical, no consumo de alcol, en nada: considérase emblema fashion masculino o pantalón pitillo, música apreciable a de Pitbull e signo de modernidade botar froitas do bosque na xenebra en copa de balón. Os xornais, coma de costume, amplifican esta evidencia. A Primeira Guerra Mundial armouna oficialmente unha arroutada de Gavrilo Princip en Saraxevo. Era un nacionalista radical, anarquista, nin el mesmo o sabería ben, en todo caso un idiota, pero politicamente era algo. Os individuos das fotos de carné publicadas estes días na prensa que puxeron patas arriba Europa desde a ruta París-Bruxelas só semellan ter idea de como se  un cidetonanto de explosivos e da dobre alternativa: barba ou bigote raro. Dubido que todos eles coñeceran sequera a diferencia entre niqab e hiyab. Son unha personificación defectuosa do lema punk: “Non sei o que quero, pero sei o que non quero”. Non só a industria china produce malas imitacións. Semella característica propia dos tempos ou dexeneración por falta de fe na reflexión non materialista.
Probade a pensar sobre o que acabo de escribir sentados na terraza dun bar, nunha mesa de plástico ou metal, onde vos mirarán raro se vos ven lendo un libro. Notaredes de que falo.
Consello, se non petición, e desculpade a frivolidade se así o entendedes: fagades o que fagades agás un atentado terrorista, tanto se é botar gasolina no Eroski coma excusarvos diante dun dos captadores de ONG da rúa da Raíña, facédeo con clase. Non se pide petulancia: pídese algo de maxia, remedio de primeira para erguer esas almas do chan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario